A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 2 de xullo, a XXIX edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, sen dúbida, a tirolina xigante que se instalará durante a fin de semana -desde o sábado 1 até o luns 3 de xullo- nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, na Avda. do Tarrío. O horario da mesma será: o sábado, de 17.30 a 20.30 horas, o domingo, de 10.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.30, e o luns, de 17.30 a 20.30 horas.