Fene celebrará a súa IV Gala do Deporte o 30 de novembro

O prazo de presentación de candidaturas a estes galardóns prolongarase até o 31 de outubro

Fene celebrará a súa IV Gala do Deporte o 30 de novembro

O Concello de Fene vén de facer públicas as bases que rexerán a organización dunha nova edición da Gala do Deporte, evento co que se pretende “reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello”. Recoñécese, deste xeito, o seu traballo e traxectorias deportivas relevantes no ano ou tempada 2023-4. Poderán optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos como as entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos en cada unha das categorías. A Concellería de Deportes habilitou a dirección de correo electrónico deportes.fene@gmail.com para o envío de información (até as 23.59 horas do 31 de outubro), resolución de dúbidas e consultas referentes ao evento que terá lugar o sábado 30 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Os nomes dos premiados daranse a coñecer publicamente na páxina web do Concello.

Recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación, a entrega e en definitiva os valores que a través do deporte transmiten as entidades e deportistas fenesas, son algúns dos obxectivos desta nova Gala do Deporte coa que, ademais, se pretende incentivar ás crianzas e á poboación en xeral para a práctica do deporte.

Serán candidatos/as a estes premios: entidades (clubs deportivos, asociacións ou entidades privadas fenesas); deportistas empadroados en Fene, independentemente da categoría, da modalidade (idade escolar, absoluta, veteranos…) e de que o club ou entidade na que compitan sexa de Fene ou non; deportistas de fóra de Fene que leven 3 ou máis anos competindo cun club fenés, en recoñecemento a súa fidelidade.

Calquera entidade, club, persoa, institución ou asociación, poderá propoñer unha ou varias persoas, clubs ou entidades deportivas que cumpran os requisitos dos candidatos para que sexa recoñecido o seu labor, sexa pola súa traxectoria deportiva, directiva, ou polo seu apoio ao deporte en xeral desde calquera ámbito de actuación, sempre que cumpran as condicións establecidas. Así mesmo, o Comité organizador solicitará ás Federacións deportivas información sobre deportistas feneses que poden estar competindo en clubs de fóra do Concello, candidatos en cada unha das categorías descritas nas presentes bases.

De acordo co obxectivo da Gala de recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación e a entrega ao deporte, o Concello premiará o esforzo de todos os que acadaran premios dentro da súa modalidade deportiva ou que fosen relevantes para o seu desenvolvemento. Os premios das diferentes categorías descritas de seguido, outorgaranse por anualidade/tempada.

Premiaranse os clubs de deportes colectivos que desenvolvan a súa valor deportiva no municipio e que estean legalmente constituídos e rexistrados no Rexistro de Entidades do Concello de Fene de calquera categoría e que acadaran podium a nivel autonómico ou superior, así como aos clubs que gañen a Liga e que promocionen pola súa clasificación. Tamén se premiará aos gañadores de Copa nos casos de clubs que participen en competicións de fútbol/fútbol sala.

Para os premios a deportistas de Fene que compitan en deportes individuais, teranse en conta aos deportistas do municipio (naturais, empadroados, vinculados ou que vivan habitualmente en Fene) que compitan en deportes individuais, que practiquen a súa disciplina deportiva en Fene ou noutra localidade e que a titulo individual destacasen polos seus logros, éxitos, triunfos deportivos ou por méritos que o concello considere que lle fan acredor do galardón. Tamén se premiarán deportistas de deportes individuais que sexan de de fóra de Fene pero que leven 3 ou máis anos competindo cun club fenés e que a titulo individual destacasen polos seus logros, éxitos, triunfos deportivos, que repercutan tamén no club, ou por méritos que o concello considere que lle fan acredor do galardón.

Por último, o Concello poderá conceder o premio a titulo individual ou colectivo a aquelas persoas ou entidades que levasen a cabo un labor ou liña de actuación, dentro do ámbito deportivo municipal ou nacional, digna de ser resaltada ou destacada. Haberá tantas mencións como o Comité Organizador considere oportuno.

Descargas