Novas

27-02-2020

O Judo Galego reúnese este sábado en Fene no “XogaJudo” e na cuarta xornada da Liga “Liga Galega Rías Altas"”

Máis de seiscentos judokas procedentes da zona norte de Galicia participarán este sábado, 29 de febreiro, no pavillón de San Valentín, nunha xornada adicada ao judo que combinará xogo e competición. O programa arrincará ás 11.00 horas co Xogajudo, xornada de Deporte Escolar que patrocinan a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Fene. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, arrincará a competición da cuarta xornada da Liga Galicia Rías Altas, correspondente á primeira da Liga de Ferrolterra.
30-01-2020

VIII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 2 de febreiro a VIII edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Puntuable para o ránking nacional, celebrarase en horario de 11,30 a 20 horas coa participación de bailaríns e bailarinas de todas as idades.

Así, a competición estará dividida en catro bloques: Categoría Bailes Caribeños (de 11,30 a 12,45 horas); Categoría Standard (de 13,45 a 16 horas); Categoría Danza Coreográfica e Open Latino (de 17 a 17,55 horas) e Categoría Latinos (de 18,45 a 19,45 horas). Ao remate de cada unha, celebrarase a correspondente entrega de trofeos.

A cita está organizada por Fene Movemento coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene.
23-01-2020

62 equipos procedentes de toda España participarán en Fene na segunda fase da IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, albergará esta fin de semana a IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística. Tomarán parte un total de 62 equipos procedentes de toda España –de comunidades como Madrid, Cataluña, Euskadi, Valencia, Castela e León, Illas Baleares e Galicia-. No seu conxunto, reuniranse uns 500 deportistas.
A cita deportiva celebrarase sábado e domingo e as categorías nas que participarán os equipos son as seguintes: a división B, cun total de 17 equipos e con representación local a través do Club Ximnasia Ferrolterra, terá lugar o sábado de 9 a 14,10 horas. A entrega de trofeos está prevista ao remate. De tarde, entre as 16 e as 21,30 horas será a quenda da división kids, con 18 equipos e tamén representación do Club Ximnasia Ferrolterra.
20-01-2020

Peche das instalacións deportivas municipais descubertas e cancelación dos adestramentos ao aire libre

A Axencia estatal de meteoroloxía e  Meteogalicia informan para esta xornada dun fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos, que pode afectar a noso concello dende ás 10 h. do día de hoxe, luns 20 de xaneiro, até as primeiras horas do día 22 de xaneiro.

Perante esta situación, o Concello de Fene anuncia o peche das INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DESCUBERTAS MUNICIPAIS  DURANTE A TARDE DE HOXE DÍA 20, E A XORNADA DE MAÑÁ 21 DE XANEIRO polo que se deberán  cancelar os posibles adestramentos  previstos.
09-01-2020

Unhas 200 nenas e nenos tomaron parte en Fene na Exhibición do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra

O pavillón de San Valentín acolleu o pasado sábado a tradicional Exhibición de Nadal do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra, despois de que tivese que ser aprazada por mor do temporal. O festival, no que as/os ximnastas do clube amosaron o aprendido nestes meses, artellouse a modo de Xogos Olímpicos. Así, cada un dos dez grupos que conforman o clube representaba a un país e un deporte... realizando exercizos de ximnasia artística nos distintos aparellos: chan, barra, paralelas e salto.
27-12-2019

Máis de 500 persoas tomarán parte na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

Un total de 529 persoas inscribíronse na Carreira e Andaina de San Silvestre que celebrará este sábado 28 de decembro o Concello de Fene. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo c caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo. Na carreira absoluta anotáronse 275 atletas, namentras que nas categorías menores están apuntados 151, e a andaina contará con 103 participantes.
23-12-2019

Últimos días para anotarse na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

O Concello de Fene celebrará este sábado 28 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. As persoas interesadas en anotarse teñen de prazo ata mañá martes, ás 23,59 horas.
19-12-2019

O Concello de Fene pon en marcha a pista de xeo natural este venres

Para delicia de nenos e maiores, o Concello de Fene abrirá este venres as portas da pista de xeo natural. Estará baixo carpa, na pista polideportiva de Perlío ata o 7 de xaneiro. En horario de mañá, de 11,30 a 13,30 horas e, de tarde, de 16,30 a 21 horas. Así mesmo, o día 24 o horario será de tarde, de 16,30 a 19,30 h, e o día 25, tamén de tarde, pero de 16,30 a 21 h.
18-12-2019

Últimos días para apuntarse a Campanadal, patinaxe e no curso de defensa persoal

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, lembra que mañá xoves 19 de decembro remata o prazo de inscrición na ampla oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal. Aínda quedan algunhas prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe para nenas e nenos e máis no curso de defensa persoal feminina. As persoas interesadas poden inscribirse nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira hoxe de 9 a 13,30 horas e de 16,30 a 19 horas e mañá de 9 a 13,30 horas.
 
13-12-2019

Uns 440 nenos e maiores participarán este domingo en Fene na IX Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón

A Concellería de Deportes de Fene organiza este domingo 15 de decembro a IX edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón. Á mesma confirmación a súa asistencia nada máis e nada menos que 440 bailaríns e bailarinas de nove escolas e clubes de Fene e doutros municipios da comarca. Celebrarase a partir das 17 horas no pavillón municipal da Xunqueira e, no lugar de entrada, o público asistente poderá entregar produtos alimenticios non perecedoiros que o Concello destinará a aquelas familias con menos recursos.