Amplíase ata este mércores o prazo para apuntarse en varias actividades do Nadal
20-12-2016
O Concello de Fene organizou para a última semana do ano e os primeiros días de xaneiro catro obradoiros relacionados co xogo e o deporte dos que tres aínda teñen prazas por cubrir. Son un curso introdutorio á defensa persoal que se desenvolverá no ximnasio da Casa da Cultura, un obradoiro lúdico e deportivo de varios días para rapazada e tamén varias sesións de patinaxe para cativería e persoas adultas que terán lugar en ambos casos no pavillón da Xunqueira. Para todos eles requírese inscrición previa e o prazo finaliza este mércores ás 19.00h.
A actividade de técnicas básicas en defensa persoal vai dirixida a persoas maiores de 12 anos e é gratuíta. O obxectivo é dar unhas nocións mínimas de distintas artes marciais para sermos quen de repeler unha agresión. As sesións están programadas para as tardes do 26 ao 29 de decembro e cada clase durará hora e media, desde as 17.00h. até as 18.30h.
No caso do obradoiro lúdico multideportivo “Xogamos” os días elixidos serán os martes e xoves do Nadal desde as 10.30 até as 12.00h. Aquí o que se traballarán son diferentes modalidades deportivas -o baloncesto, o béisbol e o volei entre elas- e os xogos populares. Esta proposta está pensada para rapazada maior de 7 anos e a cota por participante é de 6,25€.
Ese mesmo prezo, 6,25 €, é o que ten a terceira actividade con prazas dispoñibles, consistente nun curso introdutorio á patinaxe aberto a nenos e nenas maiores de 4 anos, pero tamén a persoas adultas. De feito, quen non saiba patinar poderá aprender e quen xa se manexe ben poderá mellorar a súa técnica. O curso terá lugar no pavillón da Xunqueira os luns, mércores e venres das vacacións desde as 10.30 até as 11.30h.
As inscricións en calquera destas propostas -ou en todas- hai que facelas nas dependencias administrativas do propio pavillón en horario de mañá de 9.00h. a 13.30h. ou o mércores (último día para apuntarse) tamén en horario de tarde, desde as 16.00 até as 19.00h.
800 quilos de solidariedade
En relación coas actividades do Nadal, a Concellería de Cultura e Deportes cualificou como un éxito a campaña de recollida de alimentos e xoguetes que se levou a cabo no XI Trofeo de mini katas de judo do sábado e na Exhibición de baile moderno da semana pasada. En total recibíronse arredor de 800 quilos de alimentos cun longo período de caducidade e un cento de xoguetes. Dos produtos alimentarios farase cargo Cáritas Fene mentres que os xoguetes se entregarán no Centro de Recursos Solidarios de Narón.
Esta non será a única oportunidade de facer unha achega solidaria mentres se participa nun evento da programación do Nadal en Fene. E é que na carreira popular da tarde do día 30, a tradicional San Silvestre , tamén se poderán entregar alimentos non perecedoiros. A carreira está organizada polo Concello e o Club Atletismo Fene e ten aberto ata o día 27 o prazo de inscrición a través da web www.carreirasgalegas.com ou presencialmente no polideportivo da Xunqueira.