O Grupo Bazán mostra na Casa da Cultura de Fene a súa visión de Ferrol e os seus arredores
20-12-2016
Ata 40 instantáneas de 20 fotógrafos e fotógrafas compoñen a exposición “Objetivo Ferrol 2.0” que se poderá visitar na Casa da Cultura desde o 21 de decembro ata o 14 de xaneiro. Trátase dunha ollada á arquitectura, á vida cotiá e á paisaxe da cidade de Ferrol, pero tamén doutros puntos da súa contorna. A exposición chega a Fene da man da sección de fotografía do Grupo Bazán, que leva máis de dúas décadas promovendo a afección pola arte de conxelar o tempo.
Da colección que se exporá en Fene forman parte obras de Alejandro Pérez, Ángel García, Beatriz, Rodríguez, Carlos Cruz, David Souto, Edu Pereira, Eva Vázquez, Gelis López, Iván Seijo, José Amigo, José Fonticoba, Luz González, María Jesús Villamar, Marimar Pazos, Mata Pérez, Miguel Ángel Calvo, Nelson López, Pablo Mauriz, Tusun e Víctor Torreiro.
Son todas fotografías imprimidas en grande formato -60x40- nas que se alternan a cor e o branco e negro para retratar Ferrol e os seus arredores cunha visión persoal. A arquitectura de edificios emblemáticos da cidade, as rúas co seu trafego, o mar, as praias, os estaleiros, o porto, as Meninas de Canido, San Felipe, a natureza, etc., compoñen un mosaico co que descubrir o municipio dun xeito distinto, variado en miradas e tamén en técnicas.
Detrás da iniciativa está a sección fotográfica nacida hai 22 anos no seo do Grupo Bazán, unha entidade con máis de catro décadas de historia a prol da promoción do deporte e a cultura. A sección dedicada á fotografía comezou con 11 compoñentes en 1994 e hoxe pasan de 60, algúns deles premiados en certames galegos, estatais e internacionais.
Desde aquela reúnense todos os venres no local do grupo, situado na rúa República Arxentina 15 baixo (Ferrol), onde, ademais, tamén se imparten seminarios e cursos relacionados con esta arte. As actividades que levan a cabo poden seguirse a través do blog fotografia.grupobazan.blogspot.com e quen queira contactar coa sección pode remitirlle un correo a fotografiagrupobazan@gmail.com.
A exposición “Objetivo Ferrol 2.0” abrirá as súas portas na Casa da Cultura de Fene este mércores 21, onde permanecerá até o 14 de xaneiro. Poderá visitarse nos horarios habituais do centro, de 10 a 13.00h. pola mañá de luns a sábado e de 16 a 21.00h. polas tardes de luns a venres. A exposición beneficiarase dos horarios ampliados da Casa da Cultura-Museo do Humor co gallo das festas do Nadal. Do 22 de decembro ao 6 de xaneiro as instalacións abrirán ata as 14.15h. polas mañás e os días 22, 27 e 29 de decembro tamén o farán pola tarde entre as 17 e as 21.00h. Os domingos e festivos estarán pechadas.
Vía Iacobitana I
Outra exposición fotográfica que leva varios días en Fene é “Vía Iacobitana I”, composta por medio cento de imaxes sobre os camiños de Santiago captadas por Tino Diz e Luís Gabú. Patrocinada por Turismo de Galicia e a empresa Viaqua, a mostra reflicte desde dentro do camiño a arquitectura, a paisaxe e os ambientes das distintas vías de peregrinación a Compostela.
Pode visitarse no salón de sesións do Concello de Fene en horario de mañá -9.00h. a 14.00h.- de luns a venres até o 30 de decembro.