Tres espectáculos cargados de maxia para as mañás da derradeira semana do ano
26-12-2016
Trala breve paréntese da fin de semana, o Concello de Fene retoma a súa programación cultural co gallo das festas do Nadal. E faino con tres propostas escénicas para público familiar coa maxia e o humor como fíos condutores. Así, este martes poderemos ver "O Profesor máxico", o mércores "A chisteira máxica" e o xoves "A Bruxiña do Nadal". As tres na Casa da Cultura, as tres a partir das 12.00h. e as tres con entrada gratuíta.
"O Profesor máxico" é o Mago Richard, un dos pioneiros do ilusionismo infantil e escolar en Galicia que, ademais, tamén é profesor de tecnoloxía. Estas dúas facetas súas xúntanse nun espectáculo con números sorprendentes, baseados todos eles en fundamentos físicos e tecnolóxicos cun resultado máxico.
Richard achéganos os segredos da ciencia a través de trucos sinxelos cos que busca espertar na rapazada e no público adulto a curiosidade e o interese polo saber científico. Poderemos velo este martes 27 de decembro a partir das 12.00h. no salón de actos da Casa da Cultura.
Ao día seguinte, o mércores tamén ás 12.00h., tocaralle a quenda ao Gran Pedrini e a súa "Chisteira máxica", da que saen todo tipo de sorpresas. Neste caso o espectáculo combina a prestidixitación, o ilusionismo, a música e o clown con variedade de números asombrosos e emocionantes. Todo levado polo camiño do humor cun toque circense e, sobre todo, participativo.
A terceira proposta da semana, "A Bruxiña do Nadal", chegará o xoves 28 sen movernos nin de hora nin de lugar. Porén aquí a maxia non será sinónimo de ilusionismo, senón do ambiente de fantasía en que vive a infancia durante estas datas. A asociación ferrolá Ti e máis Eu Teatro propón un conto de Nadal cheo de personaxes e momentos abraiantes dos que é responsable unha bruxa rodeada de monicreques.
A peza, duns 50 minutos de duración, vai dirixida a público familiar e, en especial, para nenos e nenas de educación infaltil e primaria.