Os Reis Magos entrarán en Fene por Perlío o xoves a partir das 18.00 horas
03-01-2017
Sen dúbida un dos momentos máis máxicos do ano é a noitiña do 5 de xaneiro. Os Reis Magos do Oriente -como magos que son- multiplican a súa presenza en ducias de cabalgatas por toda a volta ante miradas infantís cheas de pasmada ilusión e un certo desacougo por ver se responderán como se agarda ás cartas escritas hai días. En Fene esta escena vivirase o xoves a partir das 18.00 horas cunha cabalgata chea de luz e cor que arrancará no cruzamento de Perlío -fronte ao establecemento Aguilar- para percorrer as principais rúas do centro urbano ata chegar á praza do Concello, onde as SS.MM. escoitarán recordatorios do que ía posto nas misivas ou peticións de última hora.
A comitiva partirá ás 18.00 horas da parte baixa da Avenida Marqués de Figueroa e irá subindo pola principal arteria de Perlío conectando despois con Naturais de Fene e tomando finalmente a rúa Alcalde Ramón Souto González para chegar ao Concello.
Este ano a cabalgata contará con 6 carrozas desde as que choverán bos desexos para o 2017 e ata 500 quilos de caramelos sen glute e aptos para persoas diabéticas. Ademais, do séquito real tamén formarán parte a banda de gaitas Airiños de Fene, un grupo de animación e varios rapaces e rapazas do municipio que lles axudarán ás SS.MM. ao seu paso polo municipio.
Na carpa instalada ao carón da casa consistorial os Reis serán recibidos oficialmente polo alcalde, Juventino Trigo. Alí ocuparán os seus tronos para atender peticións dos nenos e nenas. É sabido que as cartas están mandadas desde hai tempo e por iso as crianzas aproveitarán o encontro para lembrarlles aos Magos de viva voz todo o que piden ou mesmo para incorporar algo novo ou explicar algún detalle que non ía perfectamente especificado no correo. Cousas das que Melchor, Gaspar e Baltasar tomarán boa nota mental -nunca esquecen nada- antes de continuar camiño na que para eles é a noite máis atarefada do ano.
A tarde rematará cunha festa infantil con Divershow e, despois, cativería e maiores ben cediño para a cama xa que tamén é sabido que os Reis non paran nas casas onde hai alguén cun ollo medio aberto.
Dispositivo especial co gallo da visita real
A Cabalgata de Reis é un evento cargado de maxia que, porén, tamén leva aparellado un intenso traballo loxístico no que están implicadas as áreas de Cultura e Ensino e maila de Seguridade, coa colaboración dun dispositivo especial da agrupación local de Protección Civil e da Policía local. As rúas do itinerario real -Marqués de Figueroa, cruzamento de Fene, Naturais de Fene e Alcalde Ramón Souto González- estarán cortadas ao tráfico no momento en que pase a comitiva e abriranse de novo inmediatamente despois.