Servizos Sociais desenvolverá ata marzo un programa socioeducativo para mellorar as relacións dentro das familias e previr condutas adictivas

Servizos Sociais desenvolverá ata marzo un programa socioeducativo para mellorar as relacións dentro das familias e previr condutas adictivas

O programa leva o nome de “A familia, máis que un teito”. Un título que se refire á importancia do núcleo familiar na socialización infantil e como primeiro espazo educativo a través da comunicación, do tempo compartido e das emocións. Neste sentido o Concello de Fene propón varios obradoiros semanais ata o mes de marzo dirixidos especialmente a familias con nenos e nenas de primaria onde, a través do xogo, o exercicio e de consellos prácticos, se traballará a denominada educación emocional. O obxectivo último é mellorar o entendemento entre a rapazada e os papás e mamás, pero tamén darlles as chaves para iniciar na casa o traballo preventivo de condutas adictivas, como poden ser as relacionadas coa tecnoloxía e, principalemente, coas drogas. O prazo para inscribirse nestes obradoiros finaliza o 10 de xaneiro. Abondará con cubrir a ficha dispoñible ao pé desta nova e entregala no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín.

“A familia, máis que un teito” é unha iniciativa financiada pola Consellería de Sanidade que tamén se desenvolve noutros concellos da comarca. Creouse con tres finalidades: mellorar as actitudes educativas e preventivas das familias, reforzar o seu papel protector coas miras postas en reducir o efecto dos factores de risco relacionados coas drogodependencias e as condutas adictivas e, por último, mellorar as habilidades que axuden a unha correcta xestión familiar.

Neste contexto o departamento municipal de Servizos Sociais adaptou o programa coa denominación de “Obradoiros en familia”, xa que a proposta está deseñada non como un relatorio de pautas, senón como un espazo para que maiores e crianzas compartan xogos, sinxelos exercicios de relaxación e actividades que reforcen os vínculos afectivos e, máis que nada, a comunicación das emocións.

Búscase, en último caso, promover a empatía -saber poñerse no lugar da outra persoa- para que os papás e mamás comprendan mellor ás súas fillas e fillos e, ao revés, para que a rapazada se motive e saiba canalizar de forma positiva as súas emocións.

Os “Obradoiros en familia” desenvolveranse de xaneiro a marzo no CEIP Os Casais de Maniños e no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín en distintos días e horarios. Así, en Maniños a actividade será os mércores a partir do 11 de xaneiro entre as 17.00 e as 18.15 horas. No caso de San Valentín os obradoiros están programados para os xoves de 16.00 a 17.15 horas comezando o día 19 de xaneiro.

O programa -coordinado pola pedagoga municipal María José Paz- está pensado para familias con nenos e nenas que estean cursando educación primaria. Poderán participar unha persoa adulta con cada pequeno ou pequena e o prazo de matrícula na actividade finaliza o próximo 10 de xaneiro. A ficha de inscrición deberase presentar debidamente cuberta no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín, situado na Avenida do Mar, Bloque 1 baixo.

Quen queira ampliar máis información sobre os “Obradoiros en familia” pode dirixirse a este servizo nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607 ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal

Descargas