"GrafoArt. Alma en papel e tinta", ata o 10 de febreiro na Casa da Cultura
16-01-2017
“GrafoArt. Alma en papel e tinta” é unha escolma das obras de Myriam Cordero Garrido. Unha artista autodidacta que comezou a debuxar de nena e que descubriu as súas cualidades na adolescencia, cando lle empezaron a facer encargas de retratos e escenas que ela é capaz de trasladar ao papel cunha fidelidade case fotográfica. Algúns dos seus debuxos máis abraiantes estarán expostos desde o martes 17 de xaneiro ata o 10 de febreiro na Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene.
Myriam Cordero pinta en branco e negro usando tinta permanente sobre papeis de alta gramaxe ou incluso pintura acrílica sobre lenzos e murais. A partir dunha foto debuxa a man alzada calquera cousa cunha precisión reprográfica. De aí que hai catro anos iniciase o proxecto Estudio Artístico “GrafoArt” a través das redes sociais e que, desde aquela, as súas obras teñan viaxado por todo o estado e tamén por países do estranxeiro.
Participou en exposicións colectivas da comarca -o Concurso de Pintura Bello Piñeiro, a Bienal de Pintura Balconadas de Betnzos e a do concurso Manuel Rebón de Ares-, pero esta de Fene será a súa primeira exposición individual.
“Grafoart. Alma en papel e tinta.” abrirá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene o martes 17 ás 18.00h. A autora estará presente na apertura para atender calquera cuestión ao redor da súa obra.
A partir do martes a mostra poderá visitarse ata o día 10 de febreiro. Durante a semana de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h., mentres que os sábados a exposición só estará aberta pola mañá.