Fene será a sede da fase provincial do duatlón escolar do programa XOGADE
19-01-2017
A proba sairá do paseo marítimo de San Valentín o 12 de febreiro ás 11.00h.
XOGADE é o acrónimo de XOgos GAlegos DEportivos en idade escolar. Un programa deseñado pola Xunta de Galicia co que se pretende achegarlle á rapazada de todos os concellos galegos a práctica do deporte, xuntando unha parte competitiva e outra lúdica. Abrangue múltiples disciplinas e, dentro do atletismo, Fene acollerá o 12 de febreiro a fase provincial do duatlón escolar, no que poden participar cativería e mocidade nacida entre o 2001 e o 2008. As inscricións están abertas ata o 31 de xaneiro través da web xogade.xunta.gal.
A proba de duatlón -que combina carreira a pé e en bicicleta- sairá do paseo marítimo de San Valentín ás 11.00h. do domingo 12 de febreiro e percorrerá a Avenida do Mar e a rúa Tellerías. A organización corre por conta do Triatlón Ferrol e do Concello de Fene. Agardan reunir arredor de 200 nenos e nenas e adolescentes con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos.
Neste sentido, o duatlón está aberto ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete masculino e feminino de equipos e deportistas con licenza federativa, aínda que tamén poden inscribirse centros de ensino, anpas, clubs, escolas deportivas municipais, etc., de calquera parte de Galicia aínda que non estean federadas.
O prazo para anotarse na proba estará aberto ata o 31 de xaneiro a través da web xogade.xunta.gal -apartado inscricións-, aínda que tamén se pode acceder desde o sitio da Secretaría Xeral para o Deporte -deporte.xunta.gal-. Cómpre sinalar tamén que a participación na fase provincial do duatlón escolar é gratuíta.