Fene prepara un entroido cargado de actividades para todas as idades

Fene prepara un entroido cargado de actividades para todas as idades

O entroido no concello de Fene é un dos de máis sona en toda a volta pola numerosa participación veciñal e pola animación que adoita ter, especialmente no Mércores de Cinza. Nese día -que este ano cadra 1 de marzo- as máscaras e comparsas percorrerán as principais rúas ata chegaren á Praza do Concello, onde se lle dará cumprida despedida ao entroido con troula, música e a tradicional queima.

Acaban de publicarse as bases que rexerán o funcionamento do desfile e a asignación de subvencións para incentivar a participación de comparsas, que este ano ascende a 6.500 euros. Practicamente non varía con respecto ao ano pasado, e o Concello introduciu pequenos cambios para garantir un reparto máis equitativo e que non queden remanentes. 

O entroido en Fene comezará xa o luns cun obradoiro de cociña para a rapazada no CCRD de Perlío a partir das 17.00h. A proposta vai dirixida a nenos e nenas de primaria e nela aprenderán a facer todo tipo de sobremesas típicas destas datas. O obradoiro está concibido como unha sesión de aprendizaxe culinaria, pero tamén como unha actividade coeducativa na que a cativería se familiarice co concepto da corresponsabilidade no fogar. Ofértanse 30 prazas repartidas en dúas quendas -15 asistentes en cada unha-, unha das 17.00 ás 18.00h. e a segunda desde as 18.30 até as 19.30h. 

Ao día seguinte, Martes de Entroido, o CCRD de Perlío acollerá entre as 11.30 e as 13.30h. unha clase práctica de elaboración de disfraces cos que poder lucirse no desfile do mércores. Este obradoiro tamén está pensado para nenos e nenas que cursen educación primaria. Hai 20 prazas dispoñibles.

Tanto nesta como na actividade do luns será necesaria inscrición previa, que se debe facer de forma presencial pasando polo Departamento de Cultura e Ensino -Avda. Naturais 44 entresollado- de luns a venres en horario de 8.30 a 14.00h. O prazo finaliza o 22 de febreiro e será necesario completar alomenos a metade das prazas ofertadas para que os obradoiros se leven a cabo. 

As propostas para a cativería non rematan cos obradoiros, senón que tamén terán unha festa para eles e elas na tarde do martes -17.30h.- na Praza do Concello. A festa infantil de máscaras estará animada por La Guagua e, ademais de xogar e bailar, tamén poderán merendar a base de lambetadas de entroido. 

Enterro do Entroido: O día grande do entroido fenés é o Mércores de Cinza. Día no que as máscaras asaltan as rúas acompañando o cadaleito do boneco que se queimará ao final da tarde. A saída da comitiva está prevista para as 18.00h. de diante do establecemento Aguilar, en Perlío. Desde alí farase o percorrido habitual, é dicir, Marqués de Figueroa, cruzamento de Fene, Avenida Naturais e remate na Praza do Concello. 

Nese lugar, ao pé do consistorio, volverán actuar as comparsas coas súas coplas retranqueiras, lerase o testamento do Entroido -que este ano tamén virá acompañado de dúas viúvas do CMI Unidade de Fene-, daráselle lume ao boneco e, para rematar, música co Grupo Pasión.

6.500 euros para as comparsas 

Como incentivo por participar, o Concello habilitou unha partida de 6.500 euros que se distribuirán entre todas as comparsas participantes, xa sexan pertencentes a entidades legalmente constituídas ou grupos ocasionais. 

Este ano varíase minimamente o xeito de repartir a contía co obxectivo de que sexa máis equitativo e de que se cubra toda a partida. Así, as bases establecen que 2.000 euros se destinen ás agrupacións adultas de Fene, distribuidos a partes iguais e cun máximo de 500 euros por comparsa. Outros  500 euros tamén a partes iguais están reservados para as comparsas infantís. Por último repartiranse 4.000 euros a partes iguais entre todas as comparsas de persoas adultas, incluídas as de Fene. Se non se distribuisen as contías totais das dúas primeiras partidas, o remanente xerado repartiríase a partes iguais entre todas as comparsas adultas inscritas. 

Segundo as bases publicadas polo Concello na web municipal, as comparsas deberán ter en todos os casos un número superior ás 15 persoas. Entenderase por comparsa adulta a formada por persoas maiores de 16 anos. Para ter a consideración de “comparsa de Fene” alomenos o 50% dos compoñentes deberán ser veciños ou veciñas do municipio. No caso das comparsas infantís non hai esa precisión e só se lles esixe que estean formadas por alomenos 15 compoñentes menores de 16 anos máis as persoas adultas que vaian de acompañantes. 

Tanto as comparsas pertencentes a entidades socioculturais como as formadas como grupo ocasional deberán inscribirse previamente presentando no rexistro municipal o correspondente formulario de solicitude e toda a documentación complementaria esixida nas bases. O prazo finaliza ás 14.00h. do mércores 22 de febreiro. 

Nas bases tamén se definen outros aspectos como as ordes de participación, os criterios para poder actuar no palco ou a composición da comisión avaliadora que comprobará o seu cumprimento.

Descargas