A Concellería de Benestar social inicia as "Tardes activas" para a xente que xa entrou na madurez
09-02-2017
Tardes Activas é un proxecto incluído no programa de Envellecemento satisfactorio que vén desenvolvendo a Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene, co obxectivo de que as persoas que xa están na madureza poidan encher parte do seu tempo libre con actividades encamiñadas a manter esperta a cabeza. O programa é itinerante e prolongarase desde este mes de febreiro até decembro con propostas centradas na memoria, pero tamén no uso das novas tecnoloxías.As Tardes Activas están estruturadas en catro obradoiros distintos pero moi relacionados entre si aos que as persoas interesadas poderán acudir indistintamente, incluso aínda que non pertenzan á parroquia onde se impartan cando se trate de actividades itinerantes.
Obradoiro activación da memoria
Así, existe a opción de acudir a actividades de activación da memoria especialmente recomendables para persoas que teñen esquecementos cotiás. Situacións como saber onde se deixaron as chaves ou como se chamaba tal ou cal persoa que denotan falla de exercicio cerebral e que, en cambio, se poden revertir traballando a atención, a estimulación visual, a coordinación, facendo pasatempos, cálculos ou simplemente falando con outras persoas máis a miúdo.
Este obradoiro impartirase os luns desde o 13 de febreiro en Limodre -18 a 19.30h.- e tamén os martes desde o 7 de marzo no CPS de San Valentín en horario de 16.45 a 18.15h.
Obradoiro recordando o noso
Outra actividade que se propón é Recordando o noso, consistente en traballar as diferentes funcións cognitivas a través da rememoración de vivencias. Un exercicio que, ademais, tamén servirá para recuperar a historia de cada parroquia desde a óptica que elixa cada grupo.
Estas sesións desenvolveranse nos locais da ACDR Liga de Amigos de Barallobre os mércores de 18.15 a 19.45h. a partir do 15 de febreiro; na sede da SCRD Agarimo de Sillobre os martes -inicio o 7 de marzo- de 18.30 a 20.00h. e os xoves a partir do 9 co mesmo horario na ACRD O Pote de Maniños; os mércores a partir do 8 de marzo o obradoiro terá lugar no local do CMI Unidade de Fene entre as 16.45 e as 18.15h. e, por último, os venres desde o 10 de marzo as sesións tamén se desenvolverán entre as 16.30 e as 18.00h no local da AVV. San Xurxo de Magalofes.
Obradoiro recuperación da memoria
A terceira proposta do programa Tardes activas é o obradoiro de Recuperación de memoria, no que se realizarán actividades grupais encamiñadas a mellorar tanto a capacidade para acordarse das cousas como a orientación e a atención, co obxectivo de manter a raia ou retrasar a aparición de demencias. Neste caso os encontros son todos os xoves desde hoxe -16.30 a 18.00h- no Centro Municipal de Servizos Sociais.
Obradoiro utilización teléfonos móbiles intelixentes
A última actividade para persoas que estean na idade dourada da vida é un obradoiro para aprender a utilización dos teléfonos móbiles intelixentes, cos que ademais de falar tamén se pode navegar por internet, acceder ás redes sociais e mesmo dispor de aplicacións moi útiles a partir de certas idades. Neste caso é necesario que cada persoa leve o seu propio teléfono.
A diferenza dos demais, este obradoiro será nas mañás dos venres entre as 11 e as 13.00h. a partir do 24 de febreiro. O curso impartirase na aula de formación municipal situada na Avenida Naturais de Fene nº 44, entresollado.
Oferta de prazas
Para cada unha destas actividades haberá que cumprir un mínimo de 10 participatnes para podelas levar a cabo, así mesmo ofértanse un máximo de 20 prazas por grupo, agás para o obradoiro de recuperación de memoria, que só dispón de 12. Estas prazas cubriranse por orde de inscrición, que deberá formalizarse no Centro Municipal de Servizos Sociais en San Valentín -Avda. do Mar B1, baixo- ou cubrindo as follas dispoñibles en cada local social onde se celebran as actividades.
Hai máis información nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou ben no correo servizos.sociais@fene.gal