14 comparsas participarán no desfile do entroido
23-02-2017
O departamento municipal de Cultura ultima estes días os preparativos do entroido municipal, que se desenvolverá do luns 27 de febreiro ao mércores 1 de marzo con propostas para todas as idades. Un entroido que vivirá a súa xornada central o Mércores de Cinza co tradicional desfile de máscaras e a posterior queima do boneco na praza do Concello. Ao peche do prazo de inscrición o rexistro municipal recollera as solicitudes de 14 comparsas tanto de Fene como doutros concellos da volta.
A saída da comitiva está prevista para as 18.00h. de diante do establecemento Aguilar, en Perlío. Desde alí farase o percorrido habitual, é dicir, Marqués de Figueroa, cruzamento de Fene, Avenida Naturais e remate na Praza do Concello.
Nese lugar, ao pé do consistorio, actuarán as comparsas coas súas coplas retranqueiras, lerase o testamento do Entroido -que este ano tamén virá acompañado de dúas viúvas do CMI Unidade de Fene-, daráselle lume ao boneco e, para rematar, música co Grupo Pasión.
Nesta edición do entroido volveron xuntarse 14 agrupacións cun número total de participantes moi semellante ao de 2016. Unha na categoría infantil formada por alumnado do CEIP de Centieiras, dúas adultas de Fene -Os Scratchados e De paso a paso-, outras oito tamén de persoas adultas chegadas de Narón, Neda e Ferrol e, por último, tres comparsas dos centros Xeriatros de Narón, Laraxe e Ferrol.
Oito delas retrousarán con humor desde o palco tralo desfile atendendo á seguinte orde: Os Argalleiros, Os Colludos, Tróupele, tróupele, A Canteira, A Revolta, Os Parrandolos e, como peche, as dúas de Fene, Paso a Paso e Os Scratchados.
As bases da participación de comparsas marcaban tamén unha contía de 6.500 euros en concepto de subvención para promover a participación de grupos. Así, a única comparsa infantil percibirá 500€ mentres que as dúas agrupacións adultas de Fene percibirán 954,54€. Cada unha das 10 comparsas de persoas adultas que optan á subvención -Xeriatros Narón e Xeriatros Laraxe renunciaron a elas- percibirán 454,54 euros.
Iso si, este reparto é unha proposta, xa que para percibir a axuda será necesario que se cumpran as condicións en canto a número de persoas participantes e, ademais, tamén deberán acudir ao entroido e desfilar aínda que faga mal tempo.
Actividades infantís
Aínda que a rapazada será protagonista indiscutible do Mércores de Cinza, o departamento de Cultura e Ensino tamén lle preparou unha programación específica que comezará o luns cun obradoiro de cociña infantil no CCRD de Perlío a partir das 17.00h. A proposta vai dirixida a nenos e nenas de primaria e nela aprenderán a facer todo tipo de sobremesas típicas destas datas. O obradoiro está concibido como unha sesión de aprendizaxe culinaria, pero tamén como unha actividade coeducativa na que a cativería se familiarice co concepto da corresponsabilidade no fogar. Nesta iniciativa participarán 26 nenos e nenas, case o total do cupo ofertado.
Ao día seguinte, Martes de Entroido, o centro cultural de Perlío tamén acollerá entre as 11.30 e as 13.30h. unha clase práctica de elaboración de disfraces cos que poder lucirse no desfile do mércores.
As propostas para a cativería non rematan cos obradoiros, senón que tamén terán unha festa para eles e elas na tarde do martes -17.30h.- na Praza do Concello. A festa infantil de máscaras estará animada por La Guagua e, ademais de xogar e bailar, tamén poderán merendar a base de lambetadas de entroido.