Últimos días para que a rapazada se apunte na III edición do obradoiro de radio
03-03-2017
A biblioteca municipal Xose María Pérez Parallé organiza en colaboración con Radio Fene o III Obradoiro de radio, co que se pretende achegarlle o medio á cativería e, ao revés, que a rapazada entre en contacto con el a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora.
A actividade oferta 12 prazas e vai dirixida a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Aínda quedan algunhas vacantes e o prazo para inscribirse finaliza o próximo martes, día 7 de marzo. Abonda con pasar pola biblioteca municipal -no Museo do Humor- ou chamar ao 981 342 303 en horario de tarde.
O taller de radio é unha proposta lúdica da Concellaría de Cultura que este ano usará como fío condutor o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra o 2 de abril.
Os contidos que se tratarán son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abordaranse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico. De feito, o obxectivo final da iniciativa é que os nenos e nenas graven o seu propio espazo para emitilo en Radio Fene.
O obradoiro impartirase na biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé os xoves 9, 16 e 23 de marzo entre as 16.30 e as 18.00h. mentres que o último día, o xoves 30, a actividade trasladarase ao estudio de Radio Fene con dúas quendas, unha de 16 a 17.30h. e outra de 17.30 a 19.00h. Nese último día será cando se grave o programa coa axuda da xornalista Almudena Marcos -encargada da formación previa- e do técnico de son Xavier Fernández.
As inscricións deben facerse acudindo á biblioteca municipal situada na Casa da Cultura ou chamando pola tarde ao 981 342 303. Hai 12 prazas dispoñibles e para que a actividade vaia adiante será necesario cubrir polo menos a metade.