Programa de actos para o 8 de marzo Día Internacional da Muller
03-03-2017
Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, comprácenos un ano máis informarvos das actuacións que terán lugar o día 8 de marzo, “Día Internacional da Muller”.
Mércores 8 de marzo en horario de 9:00h a 14:00h.: XVI Maratón de Lectura “Fene Lendo Mulleres” - Biblioteca Municipal “Pérez Parallé”
Mércores 8 de marzo as 19:00 h A MULLER NO DEPORTE. “ESTEREOTIPOS DE XÉNERO”. Mesa de experiencias e debate - Salón de Actos da Casa da Cultura.
Para a elaboración do “Manifesto” do 8 de marzo este ano contamos coa colaboración de Puri Hermida Arosa, presidenta do Club de Fútbol Cultural Maniños; única muller ao fronte dun equipo de Fútbol Masculino de Primeira Autonómica. Técnica en Prevención e xogadora de baloncesto na infancia, asume a presidencia do Cultural Maniños no 2013, despois de pasar por outros cargos de responsabilidade no club. Foi tamén xogadora no Cultural Maniños o ano que se formou o equipo feminino de fútbol.
Puri será a encargada, xunto á concelleira de Benestar Social e Igualdade, de inaugurar o XVI Maratón de Lectura “Fene Lendo Mulleres”.
A actividade terá lugar na Biblioteca Municipal Pérez Parallé, na Casa da Cultura de Fene, o Mércores 8 de marzo de 2017 en horario de 9:00h a 14:00h.
A dinámica da actividade será como en anos anteriores, solicitando que cada centro, a través do seu alumnado, traballe nas aulas textos escritos por mulleres, ou mesmo outros textos elaborados por eles que serán lidos por escolares designados nas aulas entre as/os compañeiras/os. As lecturas serán elixidas no centro, podendo respectarse o idioma no que estea escrito. A temática debe xirar no eido da igualdade entre homes e mulleres e/ou na visibilización da muller.
Ao remate da actividade cada grupo poderá tomar unha merenda saudable a base de froita, zumes e bollería artesán.
Ao centro escolar faráselle entrega dun diploma acreditativo de participación na actividade. E ao persoal docente se lle entregará un pequeno agasallo en agradecemento á súa colaboración.
O gasto do transporte está subvencionado pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene.
Dada a imposibilidade de retransmitir a actividade en directo pola Radio Municipal, como fixéramos nos primeiros anos, procederemos á gravación continuada de todas as lecturas para posteriormente ser remitidas en formato mp3 a cada centro. Igualmente, estableceremos un espazo radiofónico dunha media hora, no que se retransmitirán as lecturas, sendo cada día o protagonista un centro escolar (RadioFusión-Radio/Fene: 107,7 FM).
Pola tarde, as 19:00 h no salón de actos da Casa da Cultura, terá lugar o acto A MULLER NO DEPORTE. “ESTEREOTIPOS DE XÉNERO”. Mesa de experiencias e debate.
A participación das mulleres na actividade física e no deporte foi e aínda é na actualidade, menor ca dos homes. Isto non é un feito casual nin illado, xa que a participación da muller é menor nos ámbitos que tradicionalmente considéranse públicos como o mundo laboral, político, cultural... e o deporte é un deles.
A través da experiencia de varias mulleres deportistas de Fene e bisbarra, analizaremos o mundo no que se moven, as dificultades que atopan, as barreiras, as discriminacións por razón de xénero, o tratamento dos medios de comunicación, o comportamento do público...
PARTICIPANTES:
- Puri Hermida Arosa, presidenta do Club de Fútbol Cultural Maniños de Fene.
- Raquel Ortega Jorge, árbitra de fútbol feminino na Preferente Autonómica. Ferrol.
- Carolina Castro Fajardo, xogadora de fútbol do Cultural Maniños. Fene
- Almudena Fernández López y Leticia Rey Arnoso, capitanas do Equipo Feminino de Fútbol de Perlío. Fene.
- Paula Mayobre, atleta internacional coa selección española en seis ocasións. Varias veces campiona de España e Galicia en todas as disciplinas. Mugardos.
- Fátima Ameneiro, Campeona de España de Copilotos de Rally Femininos y varias veces campiona galega. Fene
- Esther Ruíz Calero, ex-xogadora de Rugby e ex-manager. Barcelona.
- Unha xogadora do equipo de Baloncesto Star Center Uni Ferrol. Liga Feminina Nacional de Baloncesto. (por determinar). Ferrol.
AO FINAL HABERÁ UNS PINCHOS PARA O PÚBLICO ASISTENTE
Agradecemos de antemán a vosa participación así como vosa difusión. Axuntámosvos o Manifesto e a programación de actividades.
Visibilizar ás mulleres é tarefa de todos e todas.