Carme Romero leva á Casa da Cultura as súas Meigas, sabias e mulleres boas
06-03-2017
A ceramista Carme Romero inaugura este martes 7 de marzo ás 19.30h. a colección de pezas “Meigas, sabias e mulleres boas” na que homenaxea ás mulleres depositarias dun saber ancestral para curar males do corpo e da mente. A exposición abre na sala temporal da Casa da Cultura, onde permanecerá até o 1 de abril e onde se poderá visitar nos horarios habituais do Museo do Humor. No acto inaugural a autora estará acompañada do escritor Manuel José Díaz e tamén dun dos seus mestres, Franciso Pérez Porto. Este último interpretará canda a zanfonista Candela Quintía o “Romance do crime da leiteira Nicolasa”, obra do seu pai, o poeta Xosemaría Pérez Parallé.
O arranque da exposición cadra na véspera do Día Internacional da Muller e é, de feito, unha homenaxe á meiga como peza fundamental da sociedade tradicional galega e, en sentido máis amplo, ás mulleres donas do seu destino ante esa mesma sociedade opresora do feminino pola vía da imposición do patriarcado.
Esa é unha das múltiples interpretacións que se lle poden dar á mostra de Carme Romero, froito dun longo proceso de estudo e investigación sobre o mundo das menciñeiras e meigas. A autora resume a esencia da exposición cun poema:
“Hai miradas cheas de saber,
miradas que adiviñan, que falan,
que gardan segredos, que fenden, que engañan.
Miradas que poden imaxinar sete meigas a abanear o arcoíris,
ou prendidas nun loureiro verde
ou queimándose no lume que queima por dentro.
Miradas que envexan,
que cheiran á morte,
ou ás herbas que sandan os males do corpo,
ou do corazón,
ou do que sexa que é o que nos move interiormente.
Hai miradas meigas, sabias, de mulleres boas”.
“Meigas, sabias e mulleres boas” son obras en cerámica policromada duns 50 centímetros que non se cinguen unicamente a representar figuras femininas, senón que a muller tamén se integra noutros elementos e mesmo se asocia con motivos da natureza e formas conectadas coa Terra, matriarca en último caso de todo o que hai darredor. “Caras e formas que tratan de reflectir un episodio ou unha vida destas mulleres que non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente. Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade”, tal e como explicaba a autora nunha entrevista.
Carme Romero Díaz -Fene, 1964- iniciouse na arte a través da pintura e en 1999 deu o salto á cerámica nun taller do barrio de Hortaleza, en Madrid, onde residiu ata 2011.
28 anos despois de marchar de Fene volve á terra e expón o traballo “Mulleres mariñas”, unha colección de esculturas expresivas da súa arela polo mar. Esa colección representaría en 2014 a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient. Nese mesmo ano asistiu a un curso do ceramista local Francisco Pérez Porto, autor, entre outros, do Monumento ao Pallaso. Del aprenderá novas técnicas e, ademais, Pérez Porto será un dos seus colaboradores na Escola de Cerámica do Muíño do río Va, en Maniños, impulsada por Romero no ano 2013 como “un proxecto de vida”.
“Meigas, sabias e mulleres boas” chega este martes á sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. De presentala encargarase o escritor Manuel José Díaz Vázquez. No acto inaugural da mostra participará tamén Francisco Pérez Porto, quen interpretará o “Romance do crime da leiteira Nicolasa” escrito polo seu pai -o poeta Pérez Parallé- acompañado á zanfona por Candela Quintía Romero.
A exposición poderá visitarse até o 1 de abril en horario de 10 a 13 e de 16 a 21.00h. de luns a venres e os sábados de 10 a 13.00h.