O programa provincial Coa lingua fóra animará ao alumnado de Centieiras a ler e falar en Galego con “A Mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”
06-03-2017
"A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo" é un espectáculo de animación á lectura destinado ao público infantil. A compañía Duende Sico trae a peza ata Fene no marco do programa Coa lingua fóra promovido pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que moverá esta obra por 40 municipios da provincia xunto coa proposta orientada á mocidade “Non sabes quen es”. Este martes 7 de marzo a partir das 10.00h tócalle ao CEIP Centieiras de Perlío. Tralo teatro haberá unha actividade complementaria para fomentar os hábitos de ler -e de facelo en galego- para a rapazada.
Co programa "Coa lingua fóra" a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña quere favorecer a socialización en galego dos nenos e nenas e da mocidade, conseguindo actitudes positivas cara ao galego e promovendo o pensamento crítico e analítico.
Outro obxectivo do programa é tamén transmitir o interese pola lectura, importante non só no proceso de aprendizaxe senón tamén na aposta por un lecer divertido que contribúa a incrementar a imaxinación e a creatividade.
"Na infancia e a mocidade está o futuro da nosa lingua e esa é tamén a franxa en que máis está a diminuír o seu uso co cal, desde a área de Normalización Lingüística da Deputación queremos insistir no traballo de dinamización focado nesas idades", sinalaba hai uns días a vicepresidenta e responsable da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
A vicepresidenta da Deputación insistiu no perfil deste novo programa encamiñado de maneira especial en eliminar “prexuízos que perduran e continúan a ser barreiras para o uso do galego”.
Contos de Xabier Docampo, Concha Blanco e Xoán Babarro, entre outros, o titulado "A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo" -que se representará en Centieiras- como iniciativa de animación á lectura destinada ao público infantil e o espectáculo de clown "Non sabes quen es" para público adolescente achegarán novas razóns para usar a lingua galega. Despois de cada espectáculo haberá unha actividade complementaria consistente nun obradoiro e unha charla co director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, na que se tratarán de desmontar prexuízos lingüísticos que aínda están moi presentes na mocidade do noso país.