Fene programa 18 espectáculos dentro da Rede Cultural da Deputación e da ‘Cultura no Camiño’ promovida por Turismo e a AGADIC
10-03-2017
O Departamento de Cultura de Fene acaba de tramitar as solicitudes de espectáculos tanto da Rede Cultural provincial como do programa “Cultura no Camiño” convocado pola Xunta a través da AGADIC e a Axencia Galega de Turismo. Son 18 actuacións musicais e escénicas que se distribuirán ao longo do ano na programación cultural municipal. O investimento ascende a algo máis de 24.000 euros -19.000 da Rede e 5.000 da Xunta- dos que o Concello deberá asumir a metade.
Os ciclos aos que se van destinar as actuacións solicitadas xa están definidos e mesmo teñen data posta. O primeiro será o Son Diversos que se desenvolverá na segunda quincena de maio e a primeira quincena de xuño na Casa da Cultura. O día 19 de maio Ludus Tonallis traerá o espectáculo “Voces riseiras, músicas arredor do mundo”, o 26 actuarán Las Lollipops, o 2 de xuño tocaralle a Amparo Arias e Roger de Flor e o 9 rematará o ciclo con Sofía Espiñeira Trío. Todas as actuacións ás 20.00h. e, tamén todas, dentro do Cultura no Camiño.
O seguinte ciclo arrancará en xullo enmarcado nos actos de celebración do Día da Patria Galega que terán lugar na Praza do Concello. O 11 de xullo ás 22.00h. teremos o espectáculo de maxia Hocus Pocus, o día 13 ás 22.30h. subirán ao escenario o Trío Siboney e o 15 de xullo sobre as 22.00h. será a vez de Roi Casal con “Son galego-son cubano”.
As actuacións musicais co gallo do Día da Patria forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña, igual que tres dos catro monólogos previstos para o Novembro, mes do humor. Este ano pasarán polo Museo do Humor Celso Sanmartín -3 de novembro-, David Noya -día 10-, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei con “Falar sen cancelas” -o 17 de novembro- e, por último, Pepe Capelán o día 24 de novembro.
A área municipal de Cultura tamén recorreu ao catálogo da Rede Cultural para cubrir parte da programación do Nadal. A Casa da Cultura acollerá o 26 de decembro o “Mundo máxico” de Pedro Bugarín, o 27 o espectáculo científico “Voute contar” de Peripecious, o 28 de decembro os “Brincacontos” de Andaravía Teatro e o día 29 o “Alén-chunquiño” de Paso de Valverde Teatro. Por outra banda, a Igrexa de Sillobre tamén será escenario da actuación de Concerto Tempo o día 22 de decembro.
Fóra de ciclos o Concello tamén solicitou da Rede Cultural da Deputación da Coruña o obradoiro de xogos tradicionais e populares O Paporrubio -10 de outubro na Casa da Cultura- e a actividade de percusión para crianzas Percubebés, que se desenvolverá o 17 de outubro na Biblioteca Municipal.