Programa de envellecemento e participación social - Tardes Activas

Programa de envellecemento e participación social - Tardes Activas

Tardes Activas é un programa orientado ás persoas que xa entraron na madureza co obxectivo de que enchan o seu tempo libre dun xeito proveitoso e saudable. E é que esta iniciativa lles ofrece distintas opcións para manter a cabeza en forma e para compartir tempo con outras persoas. Na presente edición dos obradoiros hai inscritas 75 participantes e nalgúns aínda quedan vacantes. O departamento de Benestar social e Igualdade -organizador do programa- cubrirá as prazas por orde de inscrición, que deberá facerse no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín ou ben a través das entidades veciñais colaboradoras.

Tardes Activas é unha proposta que se desenvolve en varios locais sociais do territorio con horarios e actividades distintos dependendo do sitio, xa que se pretende que calquera persoa poida ir a un, a dous ou aos tres obradoiros relacionados coa memoria que se ofrecen e que, ademais, lle queden o máis preto posible.

Obradoiro Activación da Memoria

Así, os luns en Limodre -18 a 19.30h.- e os martes en San Valentín -de 16.45 a 18.15h.- lévanse a cabo exercicios de Activación de memoria consistentes en xogos grupais e sinxelos exercicios cos que evitar a chegada dos esquecementos máis frecuentes a partir de certas idades, como por exemplo non lembrar onde se botaron as chaves, onde se gardou un obxecto ou como se chamaba tal ou cal persoa.

Obradoiro Recordando o noso

Outra actividade que xa se está levando a cabo é Recordando o noso, consistente en traballar as diferentes funcións cognitivas a través da rememoración de vivencias. Un exercicio que, ademais, tamén servirá para recuperar a historia de cada parroquia desde a óptica que elixa cada grupo.

As sesións teñen lugar nos locais da ACDR Liga de Amigos de Barallobre os mércores de 18.15 a 19.45h.; nas sedes da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños os martes de 18.30 a 20.00h.; os mércores no local do CMI Unidade de Fene entre as 16.45 e as 18.15h. e, por último, os venres as sesións tamén teñen lugar entre as 19 e as 20.30h no local da AVV. San Xurxo de Magalofes.

Obradoiro Recuperación da Memoria

A terceira proposta do programa “Tardes activas” para os próximos meses é o obradoiro de Recuperación de memoria, no que se realizan actividades grupais encamiñadas a mellorar tanto a capacidade para acordarse das cousas como a orientación e a atención, co obxectivo de manter á raia ou retrasar todo o que se poida a aparición de demencias.

Neste caso os encontros son todos os xoves -16.30 a 18.00h- no Centro Municipal de Servizos Sociais, onde se centralizan as inscricións para todos os obradoiros e onde tamén nos poden facilitar máis información, ben presencialmente, ben a través dos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou no correo servizos.sociais@fene.gal 

Desde este departamento comunican que nestes momentos hai 5 prazas libres para participar en Activación da memoria e Recordando o noso.No caso da actividade de Recuperación da memoria de San Valentín hai 2 prazas dispoñibles. Os obradoiros están encadrados na programación de Envellecemento Activo do Concello de Fene.