Os colexios de Fene participan nas xornadas de Atletismo divertido
15-03-2017
A Concellaría de Cultura e Deportes de Fene proponlles aos centros de ensino do municipio a iniciativa “Atletismo divertido”, coa que se pretende promover entre a rapazada o coñecemento das distintas disciplinas do atletismo e incentivar a práctica deportiva na infancia. Os nenos e nenas da Jorge Juan, dos Casais, do Ramo, de Centieiras e da Xunqueira probarán 9 modalidades nun evento que se desenvolverá este xoves e mailo venres no recinto deportivo dos Pinares, en Perlío.
Non se trata dunha competición -non se tomarán tempos nin marcas-, senón dun encontro para que a rapazada entre en contacto dun xeito divertido con deportes dos que, se cadra, oiu falar pero que nunca practicou.
Por iso se preparou un circuíto lúdico que recolle a práctica de salto lateral, de lanzamento de precisión -para nenos e nenas de 1º a 3º-, de lanzamento de peso -de 4º a 6º-, unha xincana de obstáculos, a posibilidade de facer lanzamentos de xavelina -de escuma, para que ninguén se manque-, de facer salto de lonxitude, de participar en carreiras de velocidade e de valos e mesmo en relevos 4x80.
As xornadas de “Atletismo divertido” escolar encherán o campo de céspede de forma simulánea para que a cativería estea probando e cambiando de actividade constantemente.
Para darlle cabida aos centros de ensino programáronse dous días. O xoves xuntaranse o colexio Jorge Juan, o CEIP Os Casais e o CEIP O Ramo. O venres tocaralles ao CEIP Centieiras e ao CPI da Xunqueira.
O Concello faise cargo do transporte do alumnado e do profesorado e, ademais, o persoal de Cultura e Deportes será quen se encargue de organizar o circuíto.
A actividade “Atletismo divertido” escolar é unha iniciativa que busca descubrirlles aos nenos e nenas modalidades deportivas que ben poderían ser consideradas como minoritarias en comparanza co omnipresente fútbol. Ademais tamén se cumpre o obxectivo de fomentar a práctica deportiva na infancia como un hábito saudable tanto para o desenvolvemento do corpo como da mente.