Os equipos da base da Cultural Maniños estrearán a nova cancha de céspede artificial
31-03-2017
A empresa OVIGA e a administración local de Fene suscribiron na mañá deste venres a acta de recepción do campo de fútbol do Pote, en Maniños, trala súa conversión a céspede artificial. As obras supuxeron un investimento próximo aos 300.000 euros, sufragados pola Deputación da Coruña a través do programa PAS Convenios. Malia que na contorna aínda quedan pendentes pequenos traballos de mellora á marxe deste proxecto, o campo estrearase en competición este mesmo sábado con tres partidos dos equipos da base da Cultural Maniños. Alevíns, cadetes e xuvenís porán a proba a calidade dun terreo de xogo único en Galicia e dos poucos do Estado coa homologación FIFA 2 estrelas -a actual Quality Pro- que o habilitaría, incluso, para acoller encontros internacionais ao máximo nivel.
A certificación da FIFA refírese exclusivamente á calidade da cancha que, en palabras do alcalde, Juventino Trigo, “o campo do Pote dispón do mellor céspede que hai nestes momentos no mercado”. Foron precisamente o céspede e a homologación por parte do máximo órgano do fútbol internacional as razóns que, segundo parece, retrasaron a entrega dunhas obras previstas inicialmente para 45 días.
“Segundo nos informou a empresa adxudicataria houbo ata dous retrasos na subministración do pedido de herba por parte da fabricante francesa e, ademais, tamén cumpriu agardar á dispoñibilidade de axenda do certificador oficial da FIFA”, comentaba esta mañá o rexedor local. “Como queira que sexa, o campo está listo e é, posiblemente, un dos mellores, por non dicir o mellor, que hai en Galicia hoxe en día”.
Alén do céspede o campo tamén conta con outro equipamento accesorio, como son os novos banquiños, unha nova varanda perimetral, un sendeiro de cemento derredor e un sistema de almacenamento, bombeo e aspersión de auga. E é que, aínda que lle farán falla menos coidados que antes, o campo segue precisando que o reguen de cando en vez para que o lastre de caucho estea ben repartido e para que o balón reproduza un comportamento case idéntico ao que tería na herba natural.
A obra serviu, ademais, para instalar dous xogos de porteirías a maiores e as correspondentes liñas para dous campos ao través de fútbol 7, o que facilitará a disputa de torneos con partidos simultáneos e mesmo as pachangas de adestramento dos distintos equipos.
Cómpre ter en conta que a Cultural Maniños SD conta con nove formacións entre sénior, categorías masculinas e feminina de base e o conxunto da liga feminina de fútbol 8. Case 140 deportistas que supuñan unha intensa carga para o anterior recinto de herba, o que obrigaba ao club a botar man doutros terreos de xogo. De feito esa foi a razón de que a entidade social e o Concello rubricasen un acordo de cesión a 25 anos co que se lle abriu a porta á entrada de finanzamento provincial para sacar adiante as obras, adxudicadas finalmente á empresa OVIGA por un total de 298.420 €.
Serán os equipos da base quen estreen o campo oficialmente sábado 1 de abril. Mellor dito, serán os alevíns de fútbol 8 quen estreen o campo contra os rapaces da Cedeira SD. O partido disputarase ás 12.30h. Xa pola tarde os cadetes recibirán ao Portuarios B -16.30h.- e os xuvenís farán o propio ás 18.30h. co Portuarios. O resto de formacións -agás as femininas, que descansan- teñen partidos fóra da casa, incluído o equipo sénior, que visita á SD O Val o domingo ás 17.00h. Con todo, a maioría deles han ter oportunidade de tantear o céspede durante os adestramentos desta tarde de venres.