Carme Romero cederalle o espazo expositivo da Casa da Cultura aos "Hábitats" fotografados por Calrús
04-04-2017
O edificio modificará os seus horarios de visita co gallo da Semana Santa
Carme Romero cederalle o espazo expositivo da Casa da Cultura aos "Hábitats" fotografados por Calrús
Quedan poucos días para visitar a exposición "Meigas, sabias e mulleres boas" na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. O día 7 finaliza a estadía da colección de Carme Romero, acompañada ademais das pezas modeladas pola cativería de Centieiras. Despois dela a sala estará ocupada polas fotografías da mostra "Hábitats", de Carlos López García "Calrús".
Fotografías da mostra "Hábitats", de Carlos López García "Calrús"
Trátase dunha viaxe polo mundo e polo ser humano que retrata culturas e outros xeitos de vivir. A exposición poderá visitarse desde o 10 de abril até o 12 de maio. Iso si, antes de programar a visita cómpre ter en conta que durante a Semana Santa a Casa da Cultura modifica os seus horarios.
O fotógrafo coruñés -anque afincado en Compostela- ten querencia polo branco e negro, sen dúbida froito dunha aprendizaxe da técnica noutra época, cando a arte fotográfica tiña a parte de captar a imaxe pero tamén a de vela renacer no papel durante o revelado. "Nunca esquecerei o que aprendín e sobre todo ese momento no que descobres como, por encantamento, que aparece unha imaxe nun papel fotográfico, algo que recomendo a todo aquel afeccionado á fotografía que non experimentase esa sensación.", explica Calrús.
Ademais de tirar polo branco e negro -"un xénero en si mesmo"- , o fotógrafo tira polas imaxes cotiás, "as escenas atopadas, espontáneas, situacións non premeditadas e que non necesitan unha explicación". E delas colleitou unha boa colección viaxando por todo o mundo durante anos.
"Hábitats" xunta moitas desas instantáneas, coa intención de mostrar "outros costumes e crenzas, outras formas de organización social, de interpretar a relixión e a sexualidade; outras tradicións e outros xeitos de vivir". Un obxectivo que el afrontou deixando a un lado o punto de vista occidental para tentar aliñarse coa mirada do ser humano aínda en contacto coa Natureza e con valores "moi marcados noutras culturas" como o do altruísmo ou a solidariedade.
A exposición abrirá o luns 10 de abril na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, onde permanecerá até o 12 de maio. Poderá visitarse nos horarios habituais: de luns a venres das 10 ás 13 horas polas mañás e de 16 a 21 polas tardes, e os sábados de 10 a 13 horas.
Horarios especiais das instalacións durante a Semana santa
Cómpre ter en conta, iso si, que a sala de exposicións e o resto das dependencias da Casa da Cultura -Biblioteca Xose María Pérez Parallé e Museo do Humor- modificarán o seu horario de apertura durante a Semana Santa.
O edificio pechará esta fin de semana e tamén co gallo dos festivos -Xoves Santo, Venres Santo, Sábado Santo e Domingo de Resurrección-. Abrirá polas mañás con horario ampliado de 10 a 14.15h. o luns 10, o martes 11, o mércores 12 e o luns 17. A partir do martes 18 retomaranse os horarios habituais.