Radio Fene - Programa do III Taller de Radio da Biblioteca Municipal
05-04-2017
“Read & Radio Fene” é o programa que un grupo de rapaces/as da comarca de Ferrolterra elaboraron durante o mes de marzo, no marco do terceiro taller de radio que organizou a Biblioteca Municipal Xose María Pérez Parallé de Fene coa colaboración da emisora municipal. O espazo, artellado este ano en torno á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, emitirase a través de Radio Fene (107.7 da FM) o xoves 6 de abril ás 16.00 horas e o venres 7 ás 12.00 horas. O mesmo venres, Radio Fene colgará o programa na súa web radiofusión dende onde se poderá escoitar ou descargar.
Alan, Alba, Borja, Candela, Laura Chao, Laura Fernández, Mara, Martín, Miguel e Xandra son os protagonistas este ano do programa do III taller de radio da Biblioteca de Fene. Un espazo ao que eles/as mesmo/as puxeron nome, amais de elaborar os contidos.
En “Read & Radio Fene os/as rapaces/as falan do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se conmemora todos os anos na xornada do 2 de abril e do autor homenaxeado nesa data, o escritor Hans Christian Andersen. Tamén conversan sobre a Biblioteca Municipal de Fene -á que se refiren como “unha grande casa do saber”- e sobre as actividades que nela se organizan. O espazo inclúe ademais unha entrevista que estes pequenos xornalistas realizaron á escritora e mestra Paloma Rodriguez, autora de contos coma “O país dos mandóns”, “O segredo de Flora” ou “A urna dos desexos”. E, xa por último, inclúe as testemuñas gravadas polos/as rapaces/as ao persoal e usuarios/as da biblioteca municipal.
Achegar aos nenos/as ao medio radiofónico mediante o xogo, a investigación e a creatividade sonora, son algúns dos obxectivos do taller de radio que, dende hai uns anos, orzaniza a Biblioteca Municipal de Fene. Nesta actividade, os/as participantes aprenden de xeito lúdico e práctico cómo é o proceso de conseguir unha noticia, facer entrevistas, redactar para o medio radiofónico e locutar para un programa de radio (que se grava o último día do taller nas instalacións de Radio Fene).