Xuntanza de Palilleiras en Fene
10-04-2017
O Concello de Fene traballa nos preparativos dunha nova edición do tradicional encontro de palilleiras e palilleiros que se celebra desde 1996 en San Valentín.
Este ano colaboran na organización as asociacións veciñais de Sillobre, de San Xurxo de Magalofes, a Liga de Amigos de Barallobre e o Centro de Promoción Social de San Valentín, co obxectivo de que Fene sexa o sábado 29 de abril o referente galego da arte dos bolillos e doutros labores tradicionais.
O evento comezará ás 10.30h. e desenvolverase até as 19.00h. cunha paréntese de dúas horas -de 14 a 16.00- para xantar. De novo agárdase unha afluencia masiva de amantes do encaixe e escolas, que poden obter máis información sobre as inscricións a través do teléfono 981 492 767.
A xuntanza comezou en 1996 como un encontro a través do que promocionar o oficio do bolillo. Unha actividade practicamente esquecida na comarca que recobrou azos a principios da década dos 90 a través de obradoiros e cursos de manualidades, organizados en toda a volta por entidades culturais e veciñais.
Foi o caso dun grupo de mulleres de San Valentín, que decidiron en 1993 aprender a facer encaixe como xeito de recuperar unha tradición que non era exclusiva de Camariñas. Tres anos despois organizaríase o primeiro encontro como xornada na que intercambiar coñecemento, expor traballos e darlle difusión aos bolillos como entretemento e mesmo como proposta con posibilidades de emprego.
En 2016 chegaron a reunirse no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, arredor de 700 persoas. Na súa maioría exhibiron a habilidade cos bolillos, pero tamén noutras artes da confección, como o gancho, a calceta ou o patchwork.
A Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais está organizada pola Concellaría de Promoción económica con axuda de entidades veciñais de Sillobre, Magalofes, Barallobre e San Valentín.
Ademais de ser unha cita para todo o relacionado co fío, o encontro tamén se converteu nunha xornada de lecer con múltiples actividades paralelas, como obradoiros e charlas ás que se lles dará publicidade nos próximos días.