A “Titiricleta” de Anxo Moure visita a Biblioteca Municipal de Fene
19-04-2017
O contador de historias Anxo Moure, tamén coñecido coma Carballo con Botas, achégase este venres ao Concello de Fene montado na súa Titiricleta. Moure ofrerá unha sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xose María Pérez Parallé a partir das 18 horas. A actividade encádrase no programa Ler Conta Moito e vai dirixida a nenos/as de entre 5 e 12 anos. A entrada será de balde, ata completar o aforo.
Desta vez, o Carballo con Botas ven cargado cos seus teatriños e unha chea de monicreques ao lombo. Os bonecos naceron do traballo de mulleres integrantes de cooperativas de comercio xusto en Bangladesh. A través deles, Moure relata contos e aventuras por lugares fantásticos da India, Guatemala ou a propia Bangladesh. Son historias cheas de mensaxes a favor da paz.
Esta actividade formou parte da iniciativa "Contos solidarios" que o propio Anxo Moure puxo en marcha para recaudar fondos e financiar a compra de bicicletas e material escolar que foron enviados a distintas cooperativas en países de Latinoamérica, Asia ou África.