"Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo", de Manuel José Díaz Vázquez.
04-05-2017
Ás 20.00 h na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé
A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene acolle este venres, 5 de maio, a presentación do libro "Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo", de Manuel José Díaz Vázquez. No acto, que comezará ás 20 horas, o autor estará acompañado pola poeta e filóloga Aurora Valentina Varela.
"Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo" é unha ficción autobiográfica narrada con sentido do humor e ironía inxenua, sen deixar por iso de sinalar o ambiente gris baixo o que se desenvolve: os últimos anos da ditadura franquista...
As primeiras experiencias escolares, a capacidade de observación e análise, a temperá vocación literaria, as relacións cos demais: a súa nai, o señor Marín, os profesores, a súa admiración polo Quixote, digresións inesperadas, xogos de palabras, etc., fan destas páxinas un continuo fluír de anotacións nas que se nos dá un panorama da infancia e da adolescencia desde o punto de vista dun estudante tímido, nervioso e sensible, amais de pésimo. É unha novela que une a memoria dun escolar nos estertores do franquismo cun estilo cheo de humor e unha procura da calidez do inmediato, o sinxelo que non é simple.
A presentación terá lugar este venres 5 de maio ás 20 horas na B.P.M. “Xosemaría Pérez Parallé” de Fene.