Presentación do libro gañador do XXIX Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé
12-05-2017
Presentación do libro gañador do XXIX Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé
O libro foi escollido en novembro de 2016 entre as obras presentadas ao certame por un xurado conformado por Eduard Velasco, gañador do premio en 2014, a escritora Lara Dopazo e o recentemente desaparecido poeta e activista cultural e político Paco Souto.
Míriam Ferradáns, nada en Bon (Bueu) en 1982, tivo en 2016 un ano moi exitoso xa que, ademais do Pérez Parallé obtivo o Francisco Añón do Concello de Outes coa obra “Deshabitar unha casa”, o Leiras Pulpeiro, do Concello de Mondoñedo e o premio de poesía do certame que convoca o Concello de Ames.
Nomes de fume, editado por Espiral Maior, forma parte da xa moi extensa colección de poesía deste selo editorial dirixido por Miguel Anxo Fernán Vello.
No acto deste sábado estará presente, ademais da autora e do editor, a presidenta do CMI, Paula Romero, o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González. Fará a presentación do libro o poeta Ismael Ramos, unha das máis interesantes e exitosas voces da nova poesía galega.
O acto rematará coa actuación do dúo Amalia-Manuel.
O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que este 2017 celebra a súa 30ª edición, foi creado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios. Activo defensor da lingua galega, débeselle a este poeta fenés o feito de que fose nesta localidade que se celebrase por primeira vez o Día das Letras Galegas en territorio galego, xa que esta celebración fora instituída anos antes na emigración e nunca se celebrara no noso país.
Seguindo o seu espírito, desde 2005, o premio de poesía que leva o nome de Parallé está dedicado a premiar un libro de autor inédito en lingua galega, coa finalidade de colaborar a promover a inclusión de novas voces no noso sistema literario.
Antes de Míriam Ferradáns obtiveron o Pérez Parallé desde 2005 Mario Regueira, Xiana Arias Rego, Valentina Carro Padín, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo, Lorena Souto, Fran Cortegoso, Eduard Velasco e Jesús Castro Yáñez.