Fene suscribe o convenio da Rede Cultural da Deputación da Coruña

Fene suscribe o convenio da Rede Cultural da Deputación da Coruña

O importe das actuacións programadas achégase aos 20.000 euros, sufragados a partes iguais polo Concello e o ente provincial.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asinou esta mañá na Coruña o convenio da Rede Cultural da Deputación, a través do que se programarán 13 espectáculos ata finais de ano. Son actuacións musicais e teatrais que a área de Cultura acomodou, principalmente, no Sons Diversos e nas actuacións co gallo do Día da Patria, no Novembro mes do Humor e na programación infantil de Nadal. O importe ascende a cerca de 20.000 euros dos que o Concello deberá asumir a metade. Por outra banda, Fene tamén contará este ano coa programación da AGADIC e de Turismo no marco de "Cultura no Camiño", que traerá outros cinco espectáculos de música e escénicas. Neste caso o importe total é de algo máis de 5.000 euros que o Concello tamén terá que sufragar ao 50%.

 

Fene programará 13 espectáculos dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

As primeiras actuacións da Rede Cultural programáronse nos actos de celebración do Día da Patria Galega que terán lugar na Praza do Concello. O 11 de xullo ás 22.00h. teremos o espectáculo de maxia Hocus Pocus, o día 13 ás 22.30h. subirán ao escenario o Trío Siboney e o 15 de xullo sobre as 22.00h. será a vez de Roi Casal con “Son galego-son cubano”.

Por outra banda, a área de Cultura tamén optou por adscribir á Rede tres dos catro monólogos previstos para o Novembro, mes do humor. Este ano pasarán polo Museo do Humor Celso Sanmartín -3 de novembro-, David Noya -día 10-, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei con “Falar sen cancelas” -o 17 de novembro- e, por último, Pepe Capelán o día 24 de novembro. Agás o de Sanmartín -que vén por conta do Concello- o resto de monólogos finanzaranse a medias coa Deputación.

Á hora de deseñar a programación anual, o persoal técnico de Cultura tamén recorreu ao catálogo da Rede Cultural para cubrir parte da programación do Nadal. Así, a Casa da Cultura acollerá o 26 de decembro o “Mundo máxico” de Pedro Bugarín, o 27 o espectáculo científico “Voute contar” de Peripecious, o 28 de decembro os “Brincacontos” de Andaravía Teatro e o día 29 o “Alén-chuquiño” de Paso de Valverde Teatro. Na mesma época pero fóra da oferta exclusivamente infantil, a igrexa de Sillobre tamén será escenario da actuación de Concerto Tempo o día 22 de decembro.

Á parte dos ciclos o Concello tamén solicitou da Rede Cultural da Deputación da Coruña o obradoiro de xogos tradicionais e populares O Paporrubio -10 de outubro na Casa da Cultura- e a actividade de percusión para crianzas Percubebés, que se desenvolverá o 17 de outubro na Biblioteca Municipal.

5.000€ do Cultura no Camiño

O Concello tamén recorreu ao Cultura no Camiño da AGADIC e Turismo de Galicia para o Sons Diversos que arranca este venres na Casa da Cultura.

Canda á Rede Cultural, o Concello tamén se acolleu ao programa autonómico Cultura no Camiño, impulsado pola AGADIC e Turismo de Galicia. Trátase dunha liña destinada ao cofinanzamento de espectáculos nos municipios polos que pasa o Camiño de Santiago. Fene incluiu na súa solicitude o ciclo Sons Diversos que se desenvolverá os venres ás 20.00h. na Casa da Cultura ata a primeira quincena do mes xuño.

O ciclo comeza este venres 19 con Ludus Tonallis e as súas “Voces riseiras, músicas arredor do mundo”. O venres seguinte, o 26, actuarán Las Lollipops e o 2 de xuño tocaralle a Amparo Arias e Roger de Flor. O Sons Diversos rematará o día 9 con Sofía Espiñeira Trío.

En Fene o Cultura no Camiño ten un orzamento de 5.213€ e, igual que ocorre coa Rede Cultural, o Concello deberá asumir o 50% dos custes.