Os feneses Sergio e Noelia Cob proclámanse campións galegos de patinaxe freestyle nas súas respectivas categorías

Os feneses Sergio e Noelia Cob proclámanse campións galegos de patinaxe freestyle nas súas respectivas categorías

O primeiro Campionato Galego de Patinaxe Freestyle, que tivo lugar o pasado mércores na localidade do Carballiño, non puido acabar mellor para os irmáns feneses Sergio e Noelia Cob Álvaro, que competían polo Club Sobre Rodas. O primeiro proclamouse campión galego Xunior na modalidade de salto, cunha marca de 117 cm, namentres que a súa irmá, Noelia, quedou Campioa Galega Xuvenil, cun salto de 112 cm. Ademais, na clasificación absoluta Sergio Cob acadou o primeiro posto e Noelia Cob o segundo.


Tamén lograron resultados sobresaíntes neste 1º Campionato Galego de Patinaxe Freestyle os patinadores de Sobre Rodas Unai Mardaraz Álvarez, campión galego Infantil, Iago Pardo Álvarez, subcampión galego Xuvenil, e Jesús Méndez Ríos, campión galego Xuvenil. Todos eles “superaron as súas marcas persoais e fixeron un campionato increíble”, aseguran dende o club.

A próxima cita para estes cinco patinadores freestyle da comarca de Ferrolterra será o Campionato de España.