Inscricións Verán máis alá 2017

Inscricións Verán máis alá 2017

Inscricións Verán máis alá 2017

O  “Verán máis alá” de Fene é un espazo lúdico-educativo non regrado no que se practica e fomenta o galego como lingua de uso, amais de “promovérense contidos transversais que respondan aos problemas sociais e que teñan presente a formación en valores: educación para a paz e a non violencia, a tolerancia, a solidariedade, a igualdade social, a igualdade entre mulleres e homes, etc.”


O Verán Máis Alá 2017 desenvolverase do 3 ao 28 de xullo nas instalacións do CEIP Centieiras de Perlío. Tendo en conta que un dos obxectivos deste programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un ano máis estruturarase en dous bloques horarios:
    Bo día! Dende as 8:00 ata as 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse a calquera hora nesta franxa horaria).
  Máis alá! que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 horas (os nenos e as nenas deberán incorporarse ás 10.00 h e saír entre as 14:00 e as 14:30 horas).


Segundo informan dende a Concellería de Cultura, o Verán Máis Alá! deste ano xira en torno á declaración deste ano 2017 como Ano do Turismo Sostible para o Desenvolvemento. Así, consonte a esta declaración por parte da ONU,  o campus lingüístico do Concello de Fene versará nesta ocasión sobre “o turismo sostible como xeito de promover unha mellor comprensión entre os pobos de todas as partes do mundo, conducir a que se tome unha maior conciencia da riqueza do patrimonio das diversas civilizacións e ter unha mellor apreciación dos valores inherentes ás diversas culturas, contribuíndo así ao fortalecemento da paz no mundo”.  


Nesta nova edición do Verán Máis Alá de Fene, os pequenos/as que se inscriban realizarán distintas actividades: artísticas (empregando diferentes materiais que maximicen o seu potencial creativo); formativas coma os contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida, etc. (para apoiar o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven); xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais (para favorecer a socialización, a cooperación a tolerancia e o xogo limpo); actividades acuáticas na Piscina Municipal; excursións polo Concello de Fene e outros puntos da comarca; danza, música, teatro (traballando con distintas coreografías, bailes e ritmos a expresión corporal e a elasticidade)…


Os/as veciños/as de Fene interesados en anotar aos seus pequenos/as neste programa municipal deberán entregar o 7 ou 8 de xuño no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán) a ficha de datos -que se pode descargar na web municipal www.fenecidadan.gal- e un volante de empadroamento no que se acredite que o neno/a leva empadroado en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2017.  O venres 9 de xuño tamén se poderán inscribir os/as veciños/as doutros Concellos (entregando únicamente a ficha de datos), sempre que queden prazas libres. Coma todos os anos, as 120 prazas previstas por cada quincena cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O luns 12 de xuño publicarase na web www.fenecidadan.gal  a listaxe dos/as participantes no XV Verán Máis Alá! Publicada a listaxe, as familias dos nenos/as inscritos realizarán o ingreso bancario (do que deberán entregar xustificante no Departamento de Cultura e Deportes antes das 14:00 h do venres 16 de xuño) coa fotocopia da tarxeta sanitaria e un xustificante médico, no suposto que o neno/a precise dun tratamento específico, amais dunha fotografía tamaño carné co nome do/a neno/a escrito pola parte de atrás.


 O custe da actividade (todo o mes) ascende a 68,15 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e a 36,70 € a partir do segundo membro da unidade familiar. No caso de apuntar ao/á pequeno/a durante unha quincena nada máis, o custe será de 34,08 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e de 18,35 € a partir do segundo membro da unidade familiar.
Para as familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo poderán acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4. da Ordenanza fiscal núm. 2


MÁIS INFORMACIÓN
No Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita, 15500 Fene) Teléf.: 981 340 366. Correo electrónico: cultura.deportes@fene.gal

Descargas