XXX Edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Perez Parallé

O prazo de presentación de orixinais concluirá o 15 de setembro de 2017

XXX Edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Perez Parallé

XXX Edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Perez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.


As persoas que desexen participar no certame deberá presentar, antes do vindeiro 15 de setembro de 2017, un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada de 300 versos. A escolla ortográfica dos libros presentado non será obxecto de valoración por parte do xurado.


Como novidade, nesta XXX edición do premio, os libros presentaranse en formato dixital. Os textos enviaranse por correo electrónico en formato PDF ao enderezo correo@paralle.org. Na mensaxe incluiranse dous arquivos: un titulado "obra" e outro, "plica", seguidos ambos os nomes polo título ou o lema do libro. O arquivo denominado "obra" non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora da mesma. No outro, indicarase a información seguinte: o título ou o lema do libro, nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra


O premio deste XXX Premio Pérez Parallé consistirá na edición do libro gañador na colección de Poesía Espiral Maior -a de maior traxectoria na edición de poesía en toda a historia da literatura galega- no máis breve prazo posíbel. Terá tamén unha gratificación económica de 2000 € (suxeita ás retencións impositivas que marca a lei).


O xurado do certame estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. A entrega do premio terá lugar o no mes de novembro de 2017 nas instalacións do CMI de Fene.   
Hai poucos días presentábase en Fene o libro gañador da edición 2016 do certame: Nomes de Fume, da poeta de Bueu Míriam Ferradáns. Anteriormente, obtiveron o Pérez Parallé (desde 2005): Mario Regueira, Xiana Arias Rego, Valentina Carro Padín, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo, Lorena Souto, Fran Cortegoso, Eduard Velasco e Jesús Castro Yáñez. Esta nómina de poetas da fe da notable consolidación do certame que, hoxe en día, constitúe unha referencia no sistema literario galego.


Máis información e bases completas na web do certame www.paralle.org ou neste web