Maxia, Música e un novo encontro interxeracional para festexar o día da Patria Galega
Xa están a venda os billetes para a festa da veciñanza que terá lugar o xoves 13 de xullo
27-06-2017
O programa comezará o luns 10 de xullo coa banda de gaitas Airiños de Fene e concluirá o sábado 15 cunha actuación do cantante e músico Roi Casal. No devir da semana anúnciase tamén un espectáculo a cargo do Mago Paco, o tradicional Certame de Habaneiras e Canto Coral, a lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega e unha nova edición da Festa da Veciñanza. Todas as actividades –agás a lectura da declaración institucional- desenvolveranse na praza do alcalde Ramón Souto Gonzalez, con entrada libre e baixo carpa.
O xoves 13 de xullo (20.00 horas) celebrarase no concello de Fene unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional na que maiores e pequenos de Fene comparten unha xornada de lecer, gastronomía e música.
As persoas que desexen asisitir á churrascada da Festa da Veciñanza poderán mercar os seus tickets antes do vindeiro 10 de xullo nas sociedades CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes ou SCRD Agarimo de Sillobre. O mesmo día 13, na praza do alcalde Ramón Souto González, só se poñerán á venda un máximo de 200 tickets.
Nesta nova edición da Festa da Veciñanza, os tickets venderanse ao prezo de 5 €, podendo logo canxearse por unha ración que incluirá prato de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.
A churrascada, que organiza a AAVV de Magalofes coa colaboración das sociedades culturais e veciñais de Fene e do propio Concello, comezará ás 20.00 horas e completarase a partir das 22.30 horas cun “baile actuación” a cargo do Trío Siboney. Para os máis pequenos/as da casa, anúnciase tamén unha zona de inchables.
Pero as actividades do Ciclo do Día da Patria Galega en Fene comezarán xa o luns 10 de xullo (21.00 horas) cun concerto no que a banda de gaitas Airiños de Fene presentará o seu espectáculo “Máis que gaitas”.
O martes 11 de xullo (22.00 horas) actuará na antiga Praza do Concello de Fene o Mago Paco co seu espectáculo “Hocus Pocus”.
As actividades do ciclo do Día da Patria Galega continuarán o mércores 12 de xullo (20.30 horas) co Certame de Habaneiras e Canto Coral no que participarán este ano as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén actuarán as rondallas Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e o Tradicoro.
Trala festa da veciñanza do xoves 13 de xullo, o programa que organiza a Concellería de Cultura de Fene continuará venres 14 de xullo (20.30 horas) coa lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Liñal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”.
O ciclo pecharase o sábado 15 de xullo co espectáculo “Son galego. Son cubano” de Roi Casal.