"Más que Gaitas" abrirá a programación do Día da Patria Galega

"Más que Gaitas" abrirá a programación do Día da Patria Galega

Canto e música tradicional mestúranse no novo espectáculo da banda de gaitas Airiños de Fene que se presenta o vindeiro luns, 10 de xullo, na praza do alcalde Ramón Souto González de Fene. Con este concerto, que comezará ás 21.00 horas, o Concello de Fene da o pistoletazo de saída ao ciclo “Día da Patria Galega 2017”, un programa que incluirá este ano, dende o 10 ao 15 de xullo, distintas actuacións musicais (Certame de habaneiras e canto coral, actuación do Trío Siboney, concerto de Roi Casal), unha nova edición da Festa da Veciñanza, unha actuación de maxia a cargo do Mago Paco e a tradicional lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega. Todas as actividades –agás a lectura da declaración institucional- desenvolveranse na antiga Praza do Concello de Fene, con entrada libre e baixo carpa.


En “Máis que gaitas”, a banda de gaitas Airiños de Fene realiza “un percorrido musical por distintas zonas e lugares do noso País”. As persoas que asistan ao concerto do vindeiro luns en Fene escoitarán cantos recollidos en lugares como Mondariz, Curtis, Zas ou Tordoia, así como temas musicais de diversa procedencia: Taramundi, Ourense, O Morrazo..... Tamén se inclúen neste espectáculo temas de composición propia como Biniou, “que é unha homenaxe a unha pequena gaita bretona que está a sufrir, como ocorre co noso instrumento, a opresión de instrumentos foráneos”, e temas collidos doutros grupos e arranxados para a banda fenesa polo seu director Miguel Doval.
O concerto de Airiños de Fene comezará o luns ás 21.00 horas cunha primeira actuación a cargo do grupo de cantareiras Xerfa. A continuación actuarán a Banda de Gaitas e o grupo de cantareiras Xirifeiras, protagonistas do novo espectáculo “Máis que Gaitas”

As actividades do Ciclo do Día da Patria Galega no Concello de Fene continuarán o martes 11 de xullo (22.00 horas) co Mago Paco e o seu espectáculo de maxia “Hocus Pocus”.

TICKETS PARA A FESTA DA VECIÑANZA

A Concellería de Cultura de Fene lembra que até o vindeiro luns, 10 de xullo, poden adquirirse por anticipado en distintas sociedades do Concello de Fene (CPS de San Valentín, Círculo de Perlío, CMI Unidade de Fene, Liga de Amigos de Barallobre, O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes e Agarimo de Sillobre) os tickets para a churrascada da Festa da Veciñanza que terá lugar o xoves 13 de xullo. Tamén informa de que o mesmo día 13, na praza do alcalde Ramón Souto González, só se poñerán á venda un máximo de 200 tickets.

Os tickets véndense ao prezo de 5 € e serán canxeables na churrascada da Festa da Veciñanza por unha ración que incluirá prato de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga. A churrascada, organizada pola AAVV de Magalofes, comezará ás 20.00 horas.