O mago Paco presenta en Fene o espectáculo "Hocus Pocus"
10-07-2017
Trala actuación da banda de gaitas Airiños de Fene que inaugura esta tarde o ciclo do Día da Patria Galega no Concello de Fene, mañá martes 11 de xullo actuará na praza do alcalde Ramón Souto González o Mago Paco co seu espectáculo “Hocus Pocus”. A función comezará ás 22.00 con entrada libre e baixo carpa.
Co seu habitual ton humorístico, o Mago Paco ofrecerá desta vez en Fene un espectáculo de maxia infantil cheo de risas, de cores e de moitas sorpresas. Nel, os nenos/as que asistan poderán xogar, rir, brincar, actuar…formando parte activa dun mundo máxico e cheo de emocionantes aventuras.
A maxia do Mago Paco caracterízase por unha posta en escena chea de elementos visuais moi rechamantes. Así, ningún dos seus espectáculos é igual. Todo depende da resposta do público – sobre todo dos/as máis pequenos/as- xa que é un espectáculo pensado por e para eles.
As actividades do ciclo do Día da Patria Galega continuarán o mércores 12 de xullo (20.30 horas) co Certame de Habaneiras e Canto Coral no que participarán este ano as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén actuarán as rondallas Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e o Tradicoro.