Os Sons Cubanos do Trío Siboney amenizarán este xoves a festa da veciñanza de Fene

Os Sons Cubanos do Trío Siboney amenizarán este xoves a festa da veciñanza de Fene

Entre os principais atractivos da xornada, salientará a tradicional churrascada, inchables para os nenos/as e unha actuación musical que este ano correrá a cargo do Trío Siboney de Cuba.

As persoas que desexen asistir á churrascada da Festa da Veciñanza -e non mercaran os tickets durante o período de venda anticipada- poderán adquirilos o mesmo xoves a partir das oito do serán. Dende a Concellería de Cultura de Fene advírtese de que o día da festa só se porán á venda un máximo de 200 tickets. Venderanse ao prezo de 5 €, podendo logo canxearse por unha ración que incluirá prato de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.

A churrascada, organizada pola AAVV de Magalofes coa colaboración das sociedades culturais e veciñais de Fene e do propio Concello, comezará ás 20.00 horas e completarase a partir das 22.30 horas cun “baile actuación” a cargo do Trío Siboney. Para os máis pequenos/as da casa, anúnciase tamén unha zona de inchables.

TRÍO SIBONEY
Orixinarios de Camagüey, Geovani Gonzalez (voz principal e percusión), Alfredo Alvarez (piano e coros) e Tato Rivera (percusión, congas, bongo e coros) forman este grupo de pura música cubana que interpreta ritmos e melodías da súa terra natal coa mestría propia dos grandes no seu estilo. Nesta ocasión, actuarán acompañados de Pablo (maracas, voz e coros).

O trío Siboney inclúe no seu repertorio diferentes estilos da música popular de Cuba coma o bolero, o chá chá chá, a guajira, e o son cubano, entre outros. Algunhas das cancións que forman parte do seu repertorio son: Esperanza, Me voy pal pueblo ou El cuarto de Tula.

Ao seu paso por Fene, o trío Siboney fará un repaso por cancións eternas e melodías que permanecen na memoria de todos.

Trala festa da veciñanza do xoves 13 de xullo, o programa que organiza a Concellería de Cultura de Fene continuará o venres 14 de xullo (20.30 horas) coa lectura da declaración institucional  do “Día da Patria Galega” no Parque Lineal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”.