Semana do deporte e do turismo sostible no "Verán máis alá"

Semana do deporte e do turismo sostible no "Verán máis alá"

Hóckey, voleibol, carreiras, xogos de corda, de goma, de pelota, probas de habilidade…Son algunhas das actividades que realizan estes días os/as nenos/as do Verán Máis Alá! de Fene. Por quendas, todos os participantes do campus de verán do Concello de Fene están a participar ao longo desta semana en distintas actividades deportivas e predeportivas, así como nas relacionadas coa temática central do campamento que é “o turismo sostible” (obradoiro de vestimenta típica, taller “Vivimos en…”, etc.)


Esta segunda semana do Verán Máis Alá de Fene concluirá cunha excursión ás Fragas do Eume hoxe venres 14 de xullo (saída ás 10:00 horas do CEIP Centieiras e chegada ao mesmo punto ás 14:00 horas).


Unha vez na área recreativa das Fragas do Eume, os grupos de 3 a 5 anos e de 6 a 8 anos farán unha actividade de recoñecemento/busca de árbores da zona, monolito da área e paneis informativos. Despois da merenda realizarán unha sesión de xogos cooperativos e tradicionais. Os nenos e nenas de 8 a 9 anos e de 10 a 12 anos, farán unha pequena ruta de sendeirismo e visitarán o centro de interpretación do Parque natural das Fragas. Despois da merenda realizarán unha sesión de xogos cooperativos e tradicionais.

“Promover unha mellor comprensión entre os pobos de todas as partes, conducir a que se tome unha maior conciencia da riqueza do patrimonio das diversas civilizacións e ter unha mellor apreciación dos valores inherentes ás diversas culturas, contribuíndo así ao fortalecemento da paz no mundo”. Son algúns dos obxectivos do Verán Máis Alá! 2017 do Concello de Fene, programa de conciliación da vida familiar e laboral que promove a Concellería de Cultura e que se está a desenvolver no colexio Centieiras de Perlío até o vindeiro 28 de xullo.