O concerto de Roi Casal pecha hoxe o Ciclo do Día da Patria Galega
15-07-2017
O encargado de pechar o programa será desta vez o cantante e compositor catoirense Roi Casal cun espectáculo titulado “Son galego. Son cubano”. O concerto comezará o sabado ás 22.00 horas. Entrada libre.
“Son galego. Son cubano” é un “show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dalgúns dos mellores músicos de ámbolos dous paises”. Para a posta en marcha deste espectáculo, Roi Casal traballou conxuntamente co propio Neira Vilas ate o seu falecemento en novembro de 2015. Neste senso, a xira está considerada unha fermosa homenaxe ao autor de “Memorias dun neno labrego” e á emigración galega en Cuba, onde o escritor residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das suas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.
Este novo espectáculo de Roi Casal estreouse no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) en dous memorables concertos no mes de Maio do ano pasado. Posteriormente, foi visto en directo por máis de 50.000 persoas durante a xira de 2016.
Co concerto de Roi Casal, o Concello de Fene pecha este sábado o ciclo do Día da Patria Galega polo que pasaron ao longo desta semana a Banda de Gaitas Airiños de Fene, o Mago Paco, as corais e rondallas do Concello de Fene, o trío Siboney e as máis de seiscentas persoas que na tarde-noite de onte encheron a praza do alcalde Ramón Souto González nunha nova edición da Festa da Veciñanza.
Dende a Concellería de Cultura lembran que esta tarde farase a lectura da declaración institucional do Día da Patria nun acto que comezará ás 20.00 horas no parque lineal do Río Cádavo (fronte ao monumento “Día da Patria”). Asistirán o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez, e outros membros da Corporación Municipal, xunto co autor do texto que foi o profesor e exdirector do Ceip O Ramo, Ceśar Martínez Yáñez.
Manifesto Día da Patria Galega 2017
É un privilexio e motivo de ledicia poder dirixirme aos meus conveciños, amigos e amigas de Fene nunha data tan sinalada coma esta: O Día da Patria Galega. Para min Fene é unha terra que me acolleu nos anos setenta e que, co agarimo voso e de tantos e tantas que nos deixaron, me fixeron sentir como miña. Dende entón exercín aquí, con máis ou menos acerto, a miña vida profesional e social.
Un día simbólico merece algunhas reflexións sobre cal é o piar central no que repousa a nosa identidade nacional.
Tiven a fortuna de nacer monolingüe galego, se ben é certo que co enorme esforzo da miña familia e o apoio de persoas de ben, acadei unha formación académica que me permite expresarme nalgunhas outras linguas. Cando esperto cada día recoñezo esta circunstancia como a miña máis prezada herdanza.
Dende a humildade quixera facer unha crítica e algunhas suxestións para que un tesouro tan singular non se arrombe pola nosa desidia.
Non temos dereito a agredir unha lingua que forma parte do contexto cultural universal.
Laiámonos cando a barbarie e o fanatismo destrúen con aleivosía monumentos milenarios. Que mágoa!
Cando alguén renuncia á súa fala milenaria, cando lles nega a transmisión aos seus fillos e netos, tamén agrede nun dobre senso: contribúe á destrución dun patrimonio universal e empobrece culturalmente as persoas que máis quere. Que grande mágoa!
Xa sei que a miña voz significa ben pouco, pero non me resisto a chamar ás institucións e ás conciencias dos seus responsables, aos políticos electos, aos axentes sociais, ao estamento relixioso… a dar exemplo construíndo en vez de rexeitar, louvando en vez de desprezar.
Sería ben sinxelo e motivaría á cidadanía. Temos abondosos e fermosos exemplos que agromaron entre nós, en Fene e na bisbarra, que abondaría con seguir o seu ronsel para atallar o desleixo. Persoas e colectivos que se implicaron ata sufriren a crítica, o desprezo e mesmamente a represión: o movemento obreiro, os chamados cregos obreiros, colectivos de renovación pedagóxica e galeguización do ensino, dinamizadores do movemento veciñal e unha manchea de creadores dos que Fene e a bisbarra poden e deben estar fachendosos.
Se esta sementeira dos últimos cincuenta anos foi espectacular (agardo que algún día os historiadores e sociólogos se fagan eco), hoxe seguimos a contar con mulleres e homes comprometidos en diferentes eidos coa terra e coa lingua. Un admirable patriotismo cotiá.
Seguir a súa traxectoria, deixarse levar polo engado da nosa lingua e da nosa fértil cultura non custa tanto. Todos, todas, podemos contribuír, temos a responsabilidade histórica de contribuír; se así non for, a historia nolo recriminará. Trátase dun pequeno esforzo onde a vontade de cada quen abonda para garantir e preservar o futuro do noso mellor tesouro: a lingua galega.
Máis difícil o tiñan as Irmandades da Fala cando hai cen anos comezaron unha andaina pola dignidade. Ou os clásicos co seu legado exemplar, sempre actual e fonte de inspiración.
Neste Día da Patria Galega 2017, quen mellor que Manuel María, esgrevio creador e patriota, para sinalarnos co seu poema “Galicia” o sinxelo camiño a seguir. Co seu permiso e coa lembranza do benquerido e admirado Agustín Fernández Paz, grandísimo creador, tan vencellado a este concello, que tamén rematou o seu fermoso manifesto do 2007 coa derradeira estrofa deste poema. In Memoriam e dende Fene, reclamo para o galego con esperanza a vitalidade e o futuro das mil primaveras máis polo que ámbolos dous loitaron con fe.
Galicia
Galicia docemente
está olllando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!
Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballos,
cargados de trafegos!
Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!
Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galicia
que vai no sentimento!
Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
en tí tés que atopala!
Manuel María, Os Soños na Gaiola (versos pra nenos).
Ed. Celta. Lugo, 1972
César Martínez Yáñez.
Declaración institucional do Concello de Fene.
Xullo 2017