Tenis, Kayak e Fútbol Sala Femenino no verán deportivo do Concello de Fene
18-07-2017
Ao redor dun cento de nenos/as están a participar ao longo do mes de xullo nas actividades deportivas de verán que organiza a Concellería de Deportes de Fene.
A eles sumaranse a partir do vindeiro día 31 de xullo os 30 pequenos/as que se inscribiron no Campamento Lúdico Deportivo que terá lugar nas instalacións do CMI Unidade de Fene e os 40 máis que se apuntaron en agosto ao IV Campus de Ximnasia Artística e Trampolín. A maiores, o Concello de Fene oferta para o vindeiro mes a actividade de ximnasia de verán ao aire libre, de participación libre e gratuíta.
Xogos e actividades multideporte, exercizos de técnica de fútbol sala, minipartidos e actividades ao aire libre, son algúns dos atractivos do IV Campus Feminino de Fútbol Sala `María Vieira “Mavi” - Concello de Fene’ que se está a desenvolver estes días no pavillón polideportivo da Xunqueira. A actividade, na que participan 15 nenas de Fene e bisbarra, compleméntase con visitas de xogadoras da selección galega e da selección española de fútbol sala feminino.
Tamén está en marcha nas pistas de tenis do CCRD de Perlío unha nova edición do curso de tenis de verán que organiza a Concellería de Deportes. Nesta ocasión, toman parte na actividade uns 40 rapaces/as, repartidos en tres quendas (dúas para maiores de 8 anos e unha para nenos/as de 4 a 8 anos).
O cursillo deportivo de tenis prolongarase até mediados do mes de agosto. Igual que o curso de Kayak que se está a desenvolver na praia de Almieiras coa participación dunha trintena de persoas, repartidas en dúas quendas.
De cara ao vindeiro mes de agosto, a Concellería de Deportes de Fene organiza unha nova edición do Campamento Lúdico Deportivo ao que asistirán 30 nenos/as de Fene bisbarra. A actividade terá lugar do 31 de xullo ao 11 de agosto nas instalacións do CMI Unidade de Fene e incluirá: xogos de pistas, gymkanas en exteriores, actividades acuáticas e xogos na piscina, obradoiros e actividades creativas, multideporte, xogos populares, concursos...e até unha velada nocturna o último día do campamento.
Tamén se organiza para o mes de agosto o IV Campus de Ximnasia Artística e Trampolín ao que está previsto que asistan 40 nenos/as. Neste caso, a actividade farase no pavillón polideportivo da Xunqueira, do 21 ao 25 de agosto, e incluirá: xogos e exercizos de coordinación, control corporal, axilidade, equilibrio e iniciación á ximnasia artística e ao trampolín.
Por último, a Concellería de Deportes de Fene anuncia para o mes de agosto a actividade de ximnasia de verán ao aire libre. Trátase dunha actividade física de grupo, moderada e pensada para manter ou mellorar a condición física xeral das persoas (en relación coa saúde, coordinación motriz, flexibilidade, resistencia aeróbica, forza e resistencia muscular, axilidade, etc.), sexa cal sexa a súa idade.
As persoas que queiran participar na ximnasia de verán ao aire libre só terán que achegarse ao paseo marítimo de San Valentín -a carón do pavillón- os luns, mércores e venres laborables do mes de agosto e en horario de 9.30 a 10.30. No caso de choiva, a actividade trasladarase ao interior do pavillón da Xunqueira.