A Grafía da Emoción
19-07-2017
Estimular a sensibilidade poética, fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía, internarse na riqueza da linguaxe poética, achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta, traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes, practicar técnicas poéticas, fomentar o gusto pola lectura poética e enfrontarse ao público (recital de poesía)… Son algúns dos obxectivos do obradoiro de creación literaria que organiza en Fene a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Deputación da Coruña e Consellería de Cultura e coa colaboración da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal de Fene.
Con esta actividade, que dirixirá o poeta fenés Pablo Bouza Suárez, preténdese “transmitir a experiencia apaixonante do acto creador” e “ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces”.
O obradoiro desenvolverase na Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” entre os meses de setembro e novembro de 2017 (comezará o 14 de setembro e concluirá o 16 de novembro). Terá unha duración de 20 horas repartidas en 10 sesión de dúas horas cada unha e razón de unha sesión por semana. As clases serán os mércores ou xoves en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas.
A metodoloxía do obradoiro será lúdico-descritiva (explicación, exemplificación, actividades e xogos). Nel fomentarase o traballo individual e en grupo, realizándose distintas propostas de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión. Tamén se procurará a participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro. E, por último, cada un dos/as participantes compartirá cos/as compañeiros/as as súas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a súa diferenza.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, as persoas que queiran participar no obradoiro de creación poética poderán anotarse do 1 ao 12 de setembro na Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” nos seguintes horarios: do 1 ao 8 de setembro, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Os días 11 e 12 de setembro o horario será de 16:00 a 20:30 horas.
O único requisito que se esixe para participar nesta actividade é ser maior de 16 anos. Polo demais, a inscrición é gratuíta e as prazas (máximo de 20) adxudicaranse por orde de inscrición.
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos.
PABLO BOUZA SUÁREZ
Pablo Bouza Suárez. Fene (A Coruña) en 1965. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como funcionario dende o ano 1990 no Concello de Culleredo (localidade onde reside), desempeñando o cargo de xefe de servizo de Cultura e Educación.
PREMIOS
3º premio no Certame de Poesía “Hernán Esquío” (1984).
Accésit no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2000).
1º Premio no Certame Nacional de Poesía “Pérez Parallé” (2002)
1º premio ex aequo no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2003).
1º premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2004).
1º premio no Certame de Poesía “Conde de Gondomar” no Val Miñor (2007).
3º premio no Certame de Poesía da Asociación “Rosalía de Castro” de Cornellá (Barcelona) (2007).
1º Premio no Certame de Poesía “Francisco Añón” (2008) do Concello de Outes.
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Marín”( 2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2009).
1º Premio no Certame de Poesía “Concello de Vilalba” (2010).
PUBLICACIÓNS
Libros:
In aeternum. Poesía, Deputación da Coruña (2007).
O home que falaba coas baleas. Colección Premio de Poesía “Francisco Añón”, Concello de Outes (2008).
Ingrávido Signo. Espiral Maior (2010)
Na intimidade do azougue. Espiral Maior (2011)
Os privilexios dos somnámbulos. Alvarellos Editora (2014)