O Concello e a AELG preparan un obradoiro de escritura poética
23-08-2017
"Poesía: a grafía da emoción" é o título do obradoiro de creación literaria organizado pola Concellaría de Cultura de Fene e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega co que se pretende estimular e fomentar a creatividade poética entre a veciñanza. Serán dez sesións na biblioteca pública Xosé María Pérez Parallé que se desenvolverá os mércores e xoves desde mediados de setembro até novembro. O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 ao 12 de setembro na propia biblioteca e ofértanse 20 prazas. Á fronte das sesións estará o escritor fenés Pablo Bouza Suárez, premiado nunha decena de ocasións polos seus poemarios, recollidos xa en cinco obras.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, que centra os seus esforzos en impartir por toda Galicia talleres nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa guiada polos propios autores e autoras, coa finalidade de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, "tentando concienciar á sociedade do imprescindible que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo". Neste sentido, o proxecto aposta por ofrecer -sobre todo á mocidade- un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
A actividade busca, polo tanto, estimular a sensibilidade e a creatividade poética, traballando para iso sobre a linguaxe, a expresión escrita e oral, as técnicas poéticas ou a declamación. Temas xenéricos que se abordarán nun contexto lúdico e de traballo en grupo a través de varios apartados máis concretos: a definición da poesía, os versos e outros elementos formais da poesía, os recursos fonéticos e semánticos, as formas e estruturas, poetas e fontes, a lectura e a entoación, referenzas da poesía galega contemporánea e actual -coa visita dalgún autor ou autora- e, por último, a procura do estilo propio e a súa manifestación coa escrita de poemas que se lerán ou recitarán ao final do proxecto.
Nese camiño as persoas participantes contarán co apoio e os coñecementos de Pablo Bouza. Nado en Fene en 1965, Bouza é Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC e na súa faceta literaria cómpre destacar que é autor de cinco libros e gañador, entre outros premios poéticos, do Pérez Parallé en dúas ocasións.
Segundo explica o poeta, no taller "primará o traballo de escrita" para o que el fará as veces de "mediador que ilusione ao alumnado, contaxiándolle o pracer da poesía". O escritor busca, en definitiva, que o grupo "viva a poesía e o proceso creativo como unha festa da palabra".
Inscricións a partir do 1º de setembro
O obradoiro "Poesía: a grafía da emoción" desenvolverase do 14 de setembro ao 16 de novembro na aula de estudo da biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé. Distribuirase en 10 sesións de 2 horas cada unha os mércores e xoves de 18.30 a 20.30h.
A participación é gratuíta e ofértanse 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O único requisito que se esixe é ter máis de 16 anos. O prazo para apuntarse estará aberto desde o 1 ao 12 de setembro na propia bilbioteca, situada na Casa da Cultura-Museo do Humor. Desde o 1 ao 8 as solicitudes poderán facerse de luns a venres de 10 a 14.00h. e os días 11 e 12 xa no horario normal do servizo, é dicir, entre as 16.30 e as 20.30h.
"Poesía: a grafía da emoción" está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Fene-Biblioteca Pública Municipal "Xosé María Pérez Parallé", co patrocinio da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura.