O mércores 13 de setembro abre o prazo de inscrición nas escolas da Piscina municipal de Centieiras
04-09-2017
Licenza para rir
A matrícula nas escolas da piscina de Centieiras realizarase os días 13 e 14 de setembro (só residentes en Fene) e o 15 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das demais escolas deportivas municipais, as datas establecidas serán o 18 e 19 (só residentes en Fene) e os días 20, 21 e 22 de setembro para a poboación en xeral. Para as escolas culturais, cursiños Tic, xornadas Tic e obradoiros, a inscrición formalizarase do luns 2 ao venres 6 de outubro. Os días 2, 3 e 4 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 5 e 6 de outubro, a poboación en xeral.
Dende a Concellería de Cultura e Deportes saliéntase a variedade de actividades organizadas no marco das escolas deportivas e culturais municipais do Concello de Fene para o curso 2017-2018.
Escolas deportivas
Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, perfeccionamento xuvenil, iniciación e perfeccionamento adultos e natación terceira idade. Tamén se oferta natación para embarazadas, natación terapéutica (combinada ou non con rehabilitación funcional) e aquagym (ximnasia na auga).
No pavillón “A Xunqueira” desenvolveranse as escolas deportivas de atletismo, pequedeporte (deportes variados), fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, pilates e rehabilitación funcional, así como o obradoiro educación física contra a fatiga oncolóxica.
No pavillón do Ramo (Barallobre) haberá ximnasia artística e trampolín e no Centro Social de Fene, ioga. Tamén se anuncian escolas deportivas de judo e karate no ximnasio da Casa da Cultura e de pilates de ioga na piscina de Centieiras.
A duración do curso nas escolas deportivas municipais do Concello de Fene será do 2 de outubro ao 30 de xuño de 2018 (escolas da piscina) e do 2 de outubro ao 22 de xuño de 2018 (escolas municipais noutras instalacións).
Escolas culturais
En canto ás escolas culturais municipais, a oferta para o curso 2017-2018 pasa por:
Escolas de música: solfexo, piano e guitarra (iniciación e perfeccionamento).
Obradoiros socioculturais: “Xogamos co inglés”, dirixido ao estudantado do último ciclo de educación infantil até o derradeiro curso de educación primaria, incluído; “Falamos en inglés”, para persoas de 12 anos en diante, con ou sen coñecementos de inglés; “Licenza para rir”, obradoiro de risoterapia para persoas maiores de 16 anos; “Cociña para vag@s”, actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos; “Fotografía. Nivel iniciación”, para persoas maiores de 16 anos que queiran iniciarse na fotografía de xeito práctico e sinxelo. Para participar nesta última actividade será imprescindible posuír un trebello con cámara dixital (cámara compacta, smarphone, cámara de acción, etc.)
Cursiños TIC: “Introducción á ofimática. Nivel básico” (10 horas), para persoas maiores de 16 anos.
Máis información
Para máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981 340 366) ou consultar a normativa xeral de matriculación nos enlaces aquí achegados.