O Concello retoma este venres as Tardes activas

O Concello retoma este venres as Tardes activas

A área de Benestar Social volve por en marcha o programa Tardes activas, co que se lle oferta ás persoas de máis idade un xeito de pasar o tempo distinto e proveitoso para a súa saúde. Son obradoiros que se desenvolven unha vez por semana nos locais do territorio, cunha hora e media de duración e centrados principalmente no exercicio da memoria e das aptitudes cognitivas. Hai tres propostas: "Activación da memoria" e "Recordando o noso" pola tardes e "Recuperación da memoria" en grupos de mañá e tarde no Centro Municipal de Servizos Sociais. As sesións itinerantes comezan este venres pola tarde na A.VV. San Xurxo de Magalofes e nos próximos días irán arrancando en Limodre, no CPS de San Valentín, en Agarimo de Sillobre, no Pote e no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Para estes obradoiros aínda quedan algunhas prazas libres e quen queira apuntarse só terá que contactar con Servizos Sociais ou informarse nos locais das entidades veciñais colaboradoras.

En "Activación da memoria" faranse sinxelos exercicios  para manter a mente esperta e mellorar a memoria naquelas persoas con esquecementos cotiás, como pode ser deixar as chaves nun sitio e logo non lembrar onde ou ter certa dificultade para que che veña á cabeza o nome de tal ou cal persoa. Utilizaranse dinámicas de ocio e grupais para a realización das actividades coas que se pretende estimular a atención, a vista, a coordinación, a linguaxe ou a capacidade de cálculo mental.

Os obradoiros "Activación da memoria" terán lugar en Limodre os luns entre o 18 de setembro e o 18 de decembro en horario de 18.00 a 19.30h. Os martes, do 3 de outubro ao 19 de decembro, tamén se desenvolverán no CPS de San Valentín das 16.45 ás 18.15h.

Por outra banda "Recordando o noso" traballará as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica,  achegando vivencias e lembranzas coas que recuperar a historia do territorio.

Estes obradoiros desenvolveranse desde hoxe e ata o 15 de decembro no local social da A.VV. San Xurxo de Magalofes en horario de 19.00 a 20.30h. No local social do Pote, en Maniños, impartiranse os martes de 18.30 a 20.00h. desde o 19 de setembro ata o 19 de decembro. Ao día seguinte, o mércores 20, "Recordando o noso" comezará na ACDR Liga de Amigos de Barallobre en horario de 18.15 a 19.45h. ata o 20 de decembro. Tamén o mércores, pero de 16.30 a 18.00h. tocaralle ao CMI Unidade de Fene.

Ademais destas dúas propostas itinerantes, o Centro Municipal de Servizos Sociais en San Valentín tamén acollerá a actividade  "Recuperación da memoria", que se ocupará de exercicios para a mellora da memoria, da linguaxe, da orientación e da atención co obxectivo de retrasar a aparición de demencias. Neste caso hai un grupo de mañá os luns de 11.30 a 13.00h. -do 18 de setembro ao 18 de decembro- e un grupo de tarde que se reunirá os xoves de 16.30 a 18.00h. desde o 21 de setembro ata o 21 de decembro.


Inscricións

Estás actividades son de balde e están abertas á poboación en idade madura, que poderá elixir a cales asistir e onde facelo, sempre e cando haxa prazas dispoñibles. De momento hai varias vacantes en "Recordando o noso" e en "Activación na memoria", mentres que "Recuperación da memoria" ten xa cuberto o cupo da tarde e só ofrece algunhas prazas nas sesións dos luns pola mañá. Pode obterse máis información nos teléfonos 981.492.706 / 981.342.607 ou no correo servizos.sociais@fene.gal