Subvencións para o bonobús de estudantes universitarios/as 2017/2018
26-09-2017
Publicado no BOP do 26 de setembro a convocatoria de subvencións para o bonobús de estudantes universitarios/as 2017/2018.
Axudas para contribuír ao financiamento dos desprazamentos en autobús da empresa Arriva S.A. (ou calquera outra empresa concesionaria do transporte) até A Coruña daqueles/as alumnos/as que cursen estudos universitarios. Esta subvención materializarase a través do ‘carné bono-bus subvención’, documento expedido polo Concello de Fene a favor do/a beneficiario/a, co que se solicitará á empresa Arriva S.A. (ou calquera outra empresa concesionaria do transporte) a expedición do bono válido subvencionado para a realización das viaxes.
Presentación
Formalizarase no modelo de solicitude establecido a tal fin e presentarase no Rexistro Xeral do Concello ou por algunha outra forma establecida no artigo art. 16 de la Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As solicitudes de subvención terán que acompañarse da seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI da persoa solicitante.
b) Fotocopia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
c) Fotocopia da declaración da renda correspondente ao último exercicio (ano 2016) dos/as pais/nais ou titores/as legais. No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación ou certificado acreditativo do nivel de rendas emitido pola Axencia de Administración Tributaria que corresponda. Excepcionalmente, se a unidade familiar alega carecer de recursos, ou quere acreditar unha situación excepcional, imprevista ou de carácter de especial necesidade que afecte negativamente á situación familiar ou no caso de percibir pensións non contributivas deberá acreditala mediante informe social. Nos casos de separación ou divorcio estarase ao previsto na base sexta para a determinación dos membros da unidade familiar. Os/as fillos/as entre 18 e 25 anos inclusive, que perciban rendas e non figuren na declaración da renda dos/as pais/nais aínda que residan con eles, deberán acreditar os seus rendementos e computarán como ingresos da unidade familiar.
d) No caso de presentar solicitudes para varios irmáns/ás menores de idade, só é necesario presentar un exemplar do libro de familia e da declaración do IRPF dos proxenitores.
e) Certificado da matrícula expedido pola Universidade ou documento análogo que acredite a matriculación.
f) Declaración responsable de atoparse ao corrente coas obrigas tributarias e da Seguridade Social, de non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a de subvencións públicas e de estar ao corrente no cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións e autorización ao Concello de FENE para que realice as comprobacións oportunas durante o todo o período que dure o proceso.
g) Volante de empadroamento no Concello de Fene de todos os membros da unidade familiar.
h) Certificado que acredite o grao de minusvalía e/ou incapacidade nun grao igual ou superior ao 33% dalgún membro da unidade familiar, se procede.
i) Certificado que acredite a situación de desemprego por un período superior a 6 meses durante o ano 2016 dalgún membro da unidade familiar, se procede.
j) Certificación bancaria, a nome da persoa que solicita o bono-bus, que acredite a titularidade da conta na que se efectuarán os ingresos correspondentes á axuda.
k) Declaración responsable de percibir/non percibir axuda algunha para a mesma finalidade. No caso de percibir axuda deberá indicarse o seu importe.
Naquelas solicitudes nas que se observe a falla de documentación fundamental para a súa valoración, procederase a requirir por escrito á persoa que formulou a solicitude para que no prazo de 10 días dende a recepción da comunicación, achegue a documentación requirida, indicándoselle que, de non entregala, se terá por desistida a súa solicitude, previa resolución (segundo Art. 68, da Lei 39/2015)
Prazos de presentación
O prazo para entregar as solicitudes para o servizo de transporte e para a axuda económica será de 10 días naturais contados a partir do seguinte á publicación deste anuncio no BOP. As solicitudes hanse entregar no Rexistro Xeral do Concello en días laborables (de luns a venres) en horario de 8.30 a 14.00 horas ou por algunha outra forma establecida no artigo art. 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Este prazo é improrrogable e tramitaranse con independencia de estar admitido/a ou non nunha facultade. Os/as alumnos/as aos/ás que no momento de presentar a solicitude lles falte a copia da matrícula, segundo especifica o apartado e) teñen de prazo ata o 30 de decembro para entregala (deberán presentar no momento da inscrición un documento análogo que acredite a dita matriculación). Na medida en que o prazo máximo para presentar a documentación remata o 30 de decembro, a axuda económica terá carácter provisorio para aqueles alumnos/as aos que lle falte algún documento.