O luns 2 de outubro abre o prazo de matrícula para as escolas culturais de Fene

O luns 2 de outubro abre o prazo de matrícula para as escolas culturais de Fene

Licenza para rir

Piano, guitarra, inglés, risoterapia, cociña, fotografía con móbil e cámaras compactas e introdución á ofimática. Son as principais actividades que o Concello de Fene oferta este ano no marco da súa programación de escolas culturais municipais 2017-2018. As persoas que desexen anotarse a calquera destas actividades poderán facelo a partir do vindeiro luns nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín.

As inscricións estarán abertas os días 2, 3, e 4 de outubro para os residentes en Fene, namentres que os días 5 e 6 de outubro realizaranse para a totalidade da poboación. O horario de atención ao público será de 8.30 a 14.00 horas e, o mércores 4 e xoves 5 de outubro, tamén de tarde, de 16.30 a 19.00 horas.

Un ano máis, o Concello de Fene inclúe na súa oferta cultural para o novo curso as escolas de solfexo-piano e guitarra. Poderán anotarse nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. Na escola de piano-solfexo, as aulas de solfexo organizaranse en función do nivel/idade dos/as alumnos/as, namentres que os horarios de práctica instrumental (1 hora á semana)  escolleranse no momento de efectuar a matriculación.

En canto ás “Escolas Municipais de Idiomas”, salientan este ano “Xogamos co inglés” (dirixida ao estudantado do último ciclo de educación infantil até o derradeiro curso de educación primaria, incluído) e “Falamos en inglés” (para persoas de 12 anos en diante, con ou sen coñecementos de inglés). “Xogamos co inglés” concíbese como un espazo lúdico para poñer en práctica os coñecementos adquiridos na escola a través do xogo en inglés. Pola súa parte, “Falamos en inglés” é un espazo de encontro para practicar e conversar en inglés.

Tamén repite na oferta de escolas culturais municipais “Licenza para rir”, obradoiro de risoterapia para maiores de 16 anos. O taller vai dirixido a persoas que queiran "coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; empregar a risa como ferramenta favorecedora da comunicación e como estímulo da creatividade; e axudar ao corpo e á mente a afrontar positivamente calquera situación de estrés utilizando a risa como ferramenta terapéutica".

Outra das propostas que inclúe o Concello de Fene na súa oferta de cursos e obradoiros socioculturais para este ano é o taller de “Cociña para vag@s”, actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos. Nel ensinaranse “aquelas técnicas e receitas que nos permitan xantar á carta todos os días e preparar uns pratos tan ricos e ben presentados que nos permitan quedar de marabilla cando convidemos a alguén”.  

Tamén haberá “Fotografía. Nivel iniciación”, para persoas maiores de 16 anos que queiran iniciarse na fotografía de xeito práctico e sinxelo. Para participar nesta actividade será imprescindible posuír un trebello con cámara dixital (cámara compacta, smarphone, cámara de acción, etc.)

E xa por último, no apartado de “Cursiños TIC”, salienta o de “Introducción á ofimática. Nivel básico” (10 horas), para persoas maiores de 16 anos. O curso, que ten como obxectivo “dar a coñecer os fundamentos da ofimática”, estructurarase en dous niveis: iniciación, para abordar os principios básicos da ofimática, e perfeccionamento, para explicar as ferramentas informáticas máis comúns.

O curso nas escolas culturais, cursiños TIC e obradoiros municipais do Concello de Fene desenvolverase do luns 16 de outubro de 2017 ao 30 de maio de 2018.

Para máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981 340 366) ou consultar a normativa xeral de matriculación aquí

Descargas