Curso sobre móbiles intelixentes que imparte Benestar e Servizos sociais
25-10-2017
A área de Benestar ofertou hai uns días dous cursos orientados a público en idade madura centrados no manexo do teléfono móbil e no envellecemento activo. Este último quedou suspendido por falla de solicitudes, mentres que o referido ao uso e as posibilidades dos smartphones segue adiante tal e como estaba previsto.
Terá lugar na Aula de Formación da Avenida Naturais de Fene 44 o venres pola mañá e aínda quedan algunhas prazas libres. Para anotarse nesta acción formativa hai que contactar co Concello a través do correo servizos.sociais@fene.gal ou do teléfono 981 342 607.
O curso sobre teléfonos móbiles é máis ben un obradoiro de iniciación, posto que durará das 11 ás 13.00h. Tempo máis que suficiente para facerse unha idea do funcionamento destes dispositivos que ofrecen unha chea de posibilidades: falar, acceder a internet, consultar o correo, facer xestións, chatear e incluso pagar sen necesidade de tarxetas.
Os modernos smartphones teñen tantas opcións que custa adaptarse a elas cando se vén dun móbil convencional ou incluso cando nunca se tivo móbil. Quen máis o acusan son, precisamente, as persoas maiores e para elas está pensada a sesión do venres pola mañá. O único requisito que deben cumprir é o de levar cadanseu móbil -mellor con acceso á rede- co obxectivo de que poidan aprender xa con el algúns conceptos básicos que lles permitan desenvolverse con soltura coas funcionalidades máis útiles.
O prazo de inscrición finaliza este xoves 26 de outubro ás 13.00h. e para participar haberá que contactar con Servizos Sociais por teléfono -981 342 607- ou por correo electrónico. Este departamento tamén tiña previsto poñer en marcha as "Merendas senior. Espazo de encontro saudable" para falar sobre a xubilación, os cambios físicos que se producen coa idade, a memoria, a soidade e outros temas relacionados coa experiencia de facerse maior de forma activa e saudable. Porén, esta acción quedou suspendida por falla de solicitudes.