Recepción municipal aos mellores deportistas dos clubs feneses na tempada 2016/2017

Recepción municipal aos mellores deportistas dos clubs feneses na tempada 2016/2017

A Concellería de Deportes de Fene organiza unha recepción aos deportistas das escolas e clubs feneses que acadaron podio en competicións oficiais durante a tempada 2016/2017.  Tamén se recoñecerá aos deportistas feneses que, aínda pertencendo a outros clubs da bisbarra,  acadaron podio en competicións oficiais a título individual. O acto terá lugar no Círculo de Perlío este venres ás 19.30 horas.

A homenaxe ten como obxectivo salientar o esforzo que supón acadar eses méritos deportivos e facer público o recoñecemento por parte da Corporación Municipal de Fene pola calidade dos seus deportistas que conseguiron nos últimos meses magníficos resultados, tanto a nivel individual coma por equipos, en disciplinas coma o kárate, judo, fútbol sala, fútbol feminino, fotografía submarina, atletismo, chave, ximnasia artística, patinaxe, baile urbán, ciclismo de montaña, automobilismo e triatlón.
 
O acto contará coa presenza de deportistas dos clubs Artes Marciais Fene (Kárate e Judo), O son de cociña / Unidade de Fene (fútbol sala), Cultural Maniños (fútbol feminino), CAS Nautilus (fotografía submarina), Club Atletismo Fene, CLS Limodre (chave), Club Ximnasia Artística Ferrolterra, Fusion Dance, Escudería Scratch Fene, Club BTT, e dos deportistas feneses Noelia e Sergio Cob Álvaro (patinaxe freestyle) e Marcos Ruiz Brage (triatlón).