Inicio da tempada no Club Atletismo Fene
31-10-2017
O Club Atletismo Fene reuniu o pasado sábado nas pistas de atletismo de Barallobre a boa parte dos seus socios/as e alumnos/as das escolas deportivas municipais para conmemorar o seu primeiro aniversario. O acto, que serviu tamén para inaugurar a nova tempada 2017-18, contou coa participación do padriño do club, o ex-atleta olímpico Andrés Díaz.
O deportista -considerado unha lenda no mundo do atletismo tras bater durante as Olimpiadas de Atenas o récord de Europa de 1.500 metros de pista cuberta- agasallou aos presentes cun pequeno adestramento cheo de consellos e exercizos para mellorar a técnica da carreira. Tamén axudou a corrixir de forma individual a técnica dos/as atletas feneses.
Ao remate da xornada e en nome do Club Atletismo Fene, Marcelo Rodríguez fixo entrega a a Andrés Díaz dun carné de socio de honra da entidade.
Unha vez finalizado o adestramento, Andres Díaz e o vicepresidente do Club Atletismo Fene, Marcelo Rodríguez, conduciron unha tertulia na que se repasou a traxectoria, vivencias e anécdotas do ex-atleta coruñés. Nela, Díaz afirmou que os auténticos valores do atletismo están “máis alá de acadar éxitos en campionatos ou olimpiadas” e salientou como aspectos máis importantes “o trato coas persoas e as relacións humanas do día a día ao compartir adestramento”.