Abre o prazo de solicitude do programa "Xuntos polo Nadal" dirixido a persoas maiores que vivan soas

Abre o prazo de solicitude do programa "Xuntos polo Nadal" dirixido a persoas maiores que vivan soas

Ata o 17 de novembro pode solicitarse a través dos Servizos Sociais do Concello de Fene a participación no programa para persoas maiores "Xuntos polo Nadal", que ofrece unhas pequenas vacacións de lecer para quen non teña con quen pasar unhas festas especialmente sinaladas no calendario. Hai 240 prazas dispoñibles ás que poderán optar persoas maiores de 60 anos que vivan soas.

O programa convócao a Secretaría Xeral de Política Social da Xunta, quen lle dará prioridade a aquelas persoas máis anciás que realmente non teñan con quen pasar o Nadal, a quen quedase viúvo ou viúva -ou perdese a persoa coa que convivía- nos últimos anos, a quen teñan menores ingresos, a quen non participase neste ano en ningunha estadía en balnearios ou a quen non gozase o ano pasado deste mesmo programa.

Outro requisito importante é que as persoas solicitantes poidan valerse por si mesmas, que non estean acollidas en ningún entorno residencial e que non padezan enfermidades contaxiosas nin trastornos que poidan alterar a convivencia.

A Xunta oferta 120 prazas na residencia de tempo libre do Carballiño -60 prazas correspóndenlles aos solicitantes da provincia de Pontevedra e outras 60 aos de Lugo- e outras 120 para a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, das que se poderán beneficiar as persoas solicitantes de A Coruña e de Ourense.

O Programa contempla o aloxamento en habitacións compartidas e a mantenza en réxime de pensión completa durante 16 días (15 noites) entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro. A viaxe é de balde para quen teña ingresos inferiores ao IPREM -537,84 euros-, mentres que quen pase desa cantidade deberá facer unha única achega de 50 euros.

As solicitudes poden tramitarse na delegación da Xunta ou nos Centros Sociocomunitarios de Benestar dependentes da Consellería de Política Social, aínda que o máis cómodo é acudir ao departamento municipal de Servizos Sociais do Concello, onde nos facilitarán o correspondente informe social e onde tamén nos axudarán a cubrir a documentación. Para obter máis información pode chamarse aos teléfonos -981.342.607 e 981.492.706 Ext. 2254- ou pasar polo Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín. O prazo de solicitude remata o 17 de novembro.


Ligazóns