Xuntos polo Nadal 2017
31-10-2017
A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
Prazas e destinos
Ofértanse un total de 240 prazas distribuídas do seguinte xeito:
120 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra.
120 na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), para as persoas solicitantes das provincias de A Coruña e Ourense.
Datas e servizos
Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2017 e o día 7 de xaneiro de 2018 e comprende os seguintes servizos:
Estancia na residencia durante 16 días (15 noites).
Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa.
Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
Actividades de animación sociocultural.
A recollida das persoas participantes efectuarase o día 23 de decembro pola tarde e a volta o día 7 de xaneiro despois do almorzo.
Persoas beneficiarias:
a) Ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
b) Estar empadroado nalgún concello galego.
c) Vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
d) Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa activa nin trastornos mentais ou de conduta non compensados que poidan alterar a convivencia.
Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:
Perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos.
Teñan máis idade
Teñan un menor nivel de ingresos económicos.
Non participaran no Programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.
Solicitudes:
As solicitudes, acompañadas do informe social e da declaración responsable, formularase nos modelos establecidos ao efecto e estarán debidamente cubertas e asinadas pola persoa que corresponda.
O prazo de presentación será ata o día 17 de novembro incluído, nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos departamentos de traballo social dos centros de saúde ou hospitais, nas xefaturas territoriais ou Centros Sociocomunitarios de Benestar, dependentes da Consellería de Política Social; ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Prezo da praza:
As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao IPREM (537,84€/mes), asistirán de forma gratuíta ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pago da estancia coa achega de 50€.
Unha vez efectuado o ingreso de dito importe, se é o caso, só se efectuará a súa devolución se non se incorporan ao programa e o comunican por escrito polo menos con 10 días de antelación ao seu comezo; ou o día anterior ou o mesmo día no caso de forza maior: enfermidade ou falecemento dun familiar; situacións que terá que acreditar coa solicitude no caso de solicitar a devolución. Non se lles devolverá ningún importe se abandonan o programa unha vez iniciado o mesmo, ou non se atopan nos supostos anteriores.
Os gastos de desprazamento desde o domicilio dos adxudicatarios ata o lugar de saída que se indique nas localidades de Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo e viceversa serán por conta da persoa participante.
Documentación:
As persoas ás que se lle adxudique praza terán que confirmar a súa asistencia e, no momento de incorporarse ao programa, ir provistas de:
DNI ou pasaporte en vigor.
Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira de algunha atención especial (control sanitario, tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ...etc). De non levar a acreditación da necesidade, non se lle prestará ningún tipo de atención especial.
Tarxeta sanitaria, medicación habitual necesaria e/ou accesorios para o transcurso da estadía.
Roupa cómoda.
Para mas información poden consultar a páxina web da Consellería de Política Social