A área de Benestar de Fene organiza unha xornada sobre a violencia de xénero no novo contexto dixital
08-11-2017
Os dispositivos móbiles conectados á internet e as redes sociais convertéronse en potentes ferramentas de comunicación e de relación entre as persoas. Pero tamén son un campo abonado para que se trasladen ao mundo virtual condutas prexudiciais do mundo real, como as novas formas de violencia que cada vez se manifestan a idades máis temperás. Todas teñen nome: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión... Para falar delas e axudar a evitalas a través da prevención, desde a área de Benestar e Servizos sociais de Fene organízase para este xoves unha xornada baixo o epígrafe "Violencia de xénero dentro do novo contexto dixital", que se desenvolverá nos centros de ensino durante a mañá e tamén cun encontro de tarde -18.30h.- aberto ás familias no Centro de Servizos sociais de San Valentín. Para asistir é necesario inscribirse antes chamando ao 981 342 697 ou ao 981 492 706.
O obradoiro está organizado polo Concello en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade a través da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de xénero da que Fene forma parte. Trátase dunha charla participativa ofrecida pola psicóloga Arrate Emaldi, quen traballa no proxecto "Pantallas Amigas" arredor da promoción do uso seguro e responsable das tecnoloxías da información e da comunicación por parte da infancia e a xuventude.
Na mañá do xoves Emaldi acudirá ao CPI A Xunqueira para falar coa mocidade de 3º da ESO e tamén ao colexio Jorge Juan, onde implicará na actividade ao alumnado de 3º e 4º.
A tarde está pensada para informar ás familias sobre o uso das redes sociais e os perigos que entrañan -sen unha supervisión e educación axeitadas- como medios a través dos que se exerce a violencia de xénero. "Consideramos que é moi importante coñecer como e por donde se moven os e as adolescentes dentro do contexto dixital xa que cremos que é de vital importancia para que aprendan a ser responsables co uso que fan e facemos das novas tecnoloxías", sinala a titular da área Mari Carmen Martínez.
A esta sesión que terá lugar no Centro de Servizos sociais de San Valentín poden acudir nais, pais, avós, avoas e todas aquelas persoas interesadas en obter información "sobre os perigos que poden supoñer un mal uso ou descoñecemento das redes sociais, como novos escenario da violencia de xénero, o control, o acoso ou a extorsión sexual".
Para participar no encontro abonda con contactar cos Servizos sociais nos teléfonos 981 342 697 e 981 492 706 ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal.